
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago (USC), Elías Torres Feijoo, reuníronse para valorar a execución dos convenios asinados en 2006, e acordar que o vindeiro ano a relación mantida entre a Secretaría de Emigración e a USC se vexa intensificada. A primeira toma de contacto mantida hoxe de cara a avaliar os campos de traballo que se desenvolverán conxuntamente en 2007, permitirá que no mes de decembro se concreten e definen os eidos de estudo nos que a universidade efectuará as accións conveniadas con Emigración.
No presente ano, a colaboración entre Emigración e a USC concretouse en catro convenios, para o desenvolvemento de programas dirixidos á integración efectiva dos inmigrantes en Galicia; para propiciar a atención integral de acollida, información, orientación e asesoramento a fillos e netos de españois de orixe que sexan beneficiarios do visado de busca de emprego; para a informatización dos datos rexistrais das persoas físicas procedentes do Concello de Santiago contidos no Arquivo Histórico da USE, coa fin de facilitar aos emigrantes e aos seus descendentes a busca das súas orixes; e para desenvolvemento dun centro de documentación e de estudo especializado no ámbito da emigración, en soporte dixital, que incorpore unha base de datos de presenza dos galegos no exterior.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.