
O tradicional pregón marcará o inicio das festas do San Froilán 2006, uns festexos nos que participaron o ano pasado 400.000 persoas. Na edición deste ano, a gaiteira Susana Seivane moi vinculada á Lugo desde nena- será a responsable de ler o pregón desde o balcón da Casa Consistorial. O acto, que terá lugar este mércores ás 20:30 horas, rematará coa irrupción das míticas personaxes do San Froilán: Pelúdez e Familia, que ofrecerán o seu espectáculo con sorpresas na Praza Maior a partir das 20:45 horas.
Os actos oficiais, programados para este día de inauguración dos festexos, continúan ás 21:15 horas coa apertura da porta do Cárcere da Muralla, que correrá a cargo dun representante da Unión Xeral de Traballadores de Lugo.
A cantante Rosario abrirá o ambicioso programa de concertos gratuítos. Na Praza Nova de Ramón Ferreiro, estreando escenario, a artista presentará o seu oitavo disco Contigo me voy. A partir das 22:00 horas, o público gozará da arte da pequena dos Flores que achega un álbum cheo de inspiración e de forza, resultante da incursión en distintos estilos e do afondamento nas súas experiencias vitais que marcaron a súa traxectoria persoal. Ademais, contou para estas once cancións coa inestimable colaboración de músicos tan recoñecidos como Antonio Vega, Amparanoia, John Parsons ou Juan Maya entre outros.
A música protagonizará esta noite de estrea coa verbena que ofrecerá a orquestra Jerusalén na Praza Maior dende as 22:30 horas. Por outra banda, as rúas estarán animadas polas charangas Os Centellas e o Gran Polbo Xigante que percorrerán o centro histórico a partir das 00:00 horas. Á mesma hora, no patio do edificio administrativo do Concello, comezará o concerto dos grupos lucenses Holywater e Oceans Garden, que deleitarán ao público co seu repertorio.
Por outra banda, dentro do programa das actividades deportivas, ás 21:00 horas terá lugar o encontro correspondente á xornada da Liga Nacional de fútbol sala entre o Azkar Lugo e o Guadalajara no Pavillón Municipal. Os interesados en asistir poderán retirar invitacións na caseta de información do San Froilán, situada na praza Maior, ou nas instalacións das piscinas municipais das Pedreiras e de Frigsa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.