A Dirección Xeral para o Deporte premia aos mellores deportistas, adestradores, eventos e entidades do ano 2005 no transcurso da gala Premios Galicia Deporte 2005, que se celebra o día 5 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea.
En total son 19 as modalidades existentes, ademais do premio especial Galicia Deporte 2005 que se elixirá entre todos os premiados nas diferentes modalidades e dúas mencións especiais. Estes dous últimos apartados daranse a coñecer no transcurso da gala, á que asistirán os premiados, ademais de representantes das federacións deportivas galegas e do Deporte Galego en xeral.
A parella de regatistas Fernando Echávarri e Antón Paz, e a palista Teresa Portela foron elixidos como mellores deportistas (masculino e feminino) do ano 2005, despois de que o xurado estudase as propostas das respectivas federacións así como de outras entidades relacionadas co deporte, públicas ou privadas. Echávarri e Antón Paz tiveron un ano 2005 case redondo no aspecto deportivo xa que foron elixidos pola Federación Internacional de Vela e Rolex coma os mellores regatistas do mundo. Pola súa parte, Teresa Portela logrou tres medallas no campionato do Mundo do 2005, liderando os éxitos do piragüismo galego.
Ramón Escudeiro, un novo xogador de xadrez, é o mellor deportista galego con discapacidade (terceiro do Mundo sub 20 con só 13 anos), mentres que Alexandra Quinteiro foi a mellor galega na categoría feminina polos seus trunfos co equipo español de esquí nas Olimpiadas de Inverno de Nagano.
O premio ao mellor equipo masculino recaerá no Club de Triatlón Fluvial de Lugo, que conta cos mellores triatletas galegos que están logrando magníficos resultados a nivel español, europeo e incluso mundial, mentres que na categoría feminina destaca Cabo de Cruz, que se proclamou campioa de España na modalidades de bateis.
Pablo Permuy e Dolores Rojas son os mellores xuíces no ano 2005, e no caso de Pablo o galardón ten un compoñente especial xa que o árbitro de balonmán retirouse nese ano despois dunha carreira profesional repleta de éxitos. Dolores Rojas tamén fixo historia ao ser a primeira xuíza muller de atletismo en España que puido acceder a un panel internacional. No 2005 participou no campionato do Mundo de Marcha.
O premio ao mellor adestrador recaeu en Miguel Méndez, que ese ano acadou a medalla de prata no Europeo de Budapest co equipo español feminino sub 20, mentres que Isaura Hermida, que leva toda a súa vida ligada ao mundo da ximnasia, está a lograr excelentes resultados en trampolín e ximnasia acrobática.
Javier Gómez Noia, despois de dous anos sen poder competir, volveu a facelo a finais do 2005 e merece o premio á superación, xa que en ningún momento baixou os brazos e seguiu traballando e adestrado ao máis alto nivel a pesares de que non lle deixaban competir. Pola súa banda, Tamara Abalde recibirá o galardón como revelación da temporada,. Neste ano proclamouse campioa de Europa cadete coa selección española e pasou a formar parte do primeiro plantel do Celta Vigo Urban.
A Radio Galega recibiu o premio ao mellor labor informativo; o Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi premiado polo seu labor a prol do deporte dunha institución pública e o Grupo Academia Postal, no apartado de institución privada. Ademais o Centro de Educación Infantil e Primaria Santa Rita de Galdó recibirá o galardón Deporte na escola polo seu traballo a favor do deporte
Por último, destacar que Beatriz Seijas (xogadora e agora adestradora de fútbol sala) recibirá o premio pola súa traxectoria deportiva, mentres que o Vilagarcía Basket Cup foi elixido como mellor proxecto dun evento deportivo do ano 2005, e o Meeting Internacional de Optimist, pertencente á Semana Náutica do Atlántico, recibirá o premio como mellor proxecto de promoción deportiva de base.
A gala celebrarase o xoves 5 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea a partires das 20:00 horas e contará coa presenza da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, entre outras personalidades.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.