
O estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín acolle o sábado 7 de outubro ás 18.30 horas o primeiro partido internacional de carácter oficial que disputará unha Selección Galega, concretamente a de rugbi, que se enfrontará á selección de Bearn (Francia) na xornada de apertura do Campionato de Europa de Rexións.
Na presentación deste encontro, celebrada esta mañá no Auditorio Municipal de Lalín, estiveron presentes o alcalde de Lalín e presidente da Fundación Deporte en Lalín, Xosé Crespo Iglesias; o presidente da Federación Galega de Rugbi, Juan Manuel Espiña; e o presidente do Club Rugbi Lalín, Manuel González Aller.
Xosé Crespo aproveitou a súa intervención para agradecer a confianza depositada pola federación en Lalín para acoller este partido histórico e convidou a todos os lalinenses, dezanos e galegos a acudir o sábado para arroupar á Selección e suplir co calor da afección a superioridade deportiva que a priori ten o rival. Co ánimo de encher o Manuel Anxo Cortizo, a entrada para este partido será gratuita.
Pola súa parte, Juan Manuel Espiña augurou un gran espectáculo deportivo e destacou que grazas a encontros como este Galicia e Lalín están a soar internacionalmente pola súa afección ao rugbi, feito constatado tamén na recente elección da xogadora lalinense Rocío García Eiras como mellor pellier do Campionato do Mundo celebrado en Edmonton (Canadá).
Finalmente, o presidente do Club Rugbi Lalín lamentou a escasa repercusión que está a ter nos medios de comunicación públicos de carácter autonómico esta cita histórica para o rugbi galego e contrastou esta situación co respaldo institucional e mediático que tivo o debú da Selección Galega de Fútbol a pesares de non tratarse dun partido oficial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.