Notas de prensa

Quintana reitera o seu compromiso para promover o envellecemento activo dos maiores e darlles o lugar que lles corresponde na sociedade

O vicepresidente da Xunta mantivo unha xuntanza con 450 maiores de toda Galiza no marco da iniciativa O vicepresidente escoita.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, lembrou o importante papel que xogan os maiores no desenvolvemento de Galiza, polo que reiterou o seu compromiso para promover un “envellecemento activo” que aproveite a experiencia vital das persoas maiores de 65 anos, ao tempo que os sitúe no lugar que lles corresponde na sociedade. Así o manifestou Anxo Quintana no decurso da xuntanza que mantivo en Santiago, no marco da iniciativa O vicepresidente escoita, con máis de 450 maiores procedentes de asociacións da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo e Santiago.

No decurso do encontro, Quintana animou aos participantes a desenvolver un papel activo na sociedade e instounos a fortalecer o movemento asociativo como vía para reforzar a colaboración coa Administración. Neste sentido, amosouse aberto a escoitar sempre as súas inquedanzas e necesidades xa que, aínda que existe un “bo proxecto” por parte da Xunta, é preciso que sexa contrastado e dialogado continuamente cos seus beneficiarios.

No encontro, o vicepresidente da Xunta lembrou que ningún país pode construír o seu futuro sen coñecer e aproveitar o seu pasado, polo que instou a toda a sociedade a recoñecer a importante achega que as persoas maiores poden realizar no desenvolvemento de Galiza. Nesta liña, Quintana fixo referenza á realidade demográfica de Galiza, onde viven un total de 594.506 persoas maiores de 65 anos de idade que supoñen un 21 por cento do conxunto da poboación. Estes datos poñen de manifesto, a xuízo de Quintana, unha realidade social dun grupo de persoas que precisan atención específica e servizos sociais concretos. Así, Anxo Quintana reiterou o seu compromiso para dotar a Galiza dunha complexa rede pública de servizos sociais para as persoas maiores que lle dea cobertura concreta ás súas necesidades.

Rede pública de servizos sociais

Segundo explicou o vicepresidente, é preciso cambiar a situación actual en materia de prestación de servizos, que presenta un importante déficit estrutural. Quintana apoiou estas declaracións en diversos datos que sitúan a Galiza lonxe de acadar as cifras marcadas como idóneas no tocante á atención a persoas maiores. Como exemplo, Galiza dispón de 1,8 prazas de residencias públicas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, cando no Plan Xerontolóxico se marca que deben ser 3,5 prazas. Para paliar esta situación Anxo Quintana explicoulle aos asistentes que o obxectivo final da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é dotar a cada comarca galega dunha residencia de referenza con centro de día incluído que ofreza distintos servizos, como lavandería ou xantar a domicilio, á súa zona de influencia; e dotar a cada concello dun centro de día.

Para acadar este obxectivo a Vicepresidencia puxo xa en marcha o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, que serve para “xuntar recursos e esforzos” da Xunta e dos municipios coa finalidade de crear e xestionar con maior eficacia os servizos que se prestan á poboación. Actualmente un total de 88 concellos de Galiza están xa adheridos a esta iniciativa, coa que se prevé investir nos vindeiros tres anos 130 millóns de euros para crear 77 novos centros para persoas maiores e integrar na rede outros centros.

A Xunta promoverá a través de Sogaserso, sociedade creada coas caixas de aforro de Galiza, a construción das grandes residencias de referencia no eido comarcal. Está previsto que para os vindeiros dous anos comecen a funcionar cinco residencias que ofrecerán 900 novas prazas. Asemade, Quintana salientou a importancia da posta en marcha dunha rede de centros de atención específica para enfermos de Alzheimer, que se iniciará coa creación nun primeiro momento con 11 centros de día.

Novos servizos

Anxo Quintana quixo tamén explicar aos participantes na xuntanza O vicepresidente escoita diversos proxectos innovadores nos que está a traballar o seu departamento. Así, adiantou que a nova rede de transporte público adaptado que promove a Xunta levará o nome de 065, en referencia ás persoas maiores de 65 anos, e apuntou que se tratará dun servizo con furgonetas adaptadas do que se poderán beneficiar todas as persoas maiores e dependentes para facilitar os seus desprazamentos.

Ademais, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Consellería de Vivenda e Solo traballan nun proxecto que suporá a construción de doce edificios destinados a vivendas para persoas maiores e que disporán na súa planta baixa dun centro de día. Trátase, segundo Quintana, dunha iniciativa que permitirá aos maiores vivir de maneira independente sen renunciar aos servizos e á atención especializada inmediata que lles ofrece un centro de día tan preto.

O vicepresidente da Xunta escoitou con atención as consultas formuladas polos asistentes, especialmente sensibles coa necesidade de incrementar as pensións de xubilación, xa que os maiores galegos son dos que menos cobran de todo o Estado. Nesta liña, Anxo Quintana afirmou que esta situación “non é xusta e hai que facer forza para que cambie”, ao tempo que manifestou a súa intención de implantar un suplemento autonómico para aumentar as pensións máis baixas e poder equilibrar así o nivel adquisitivo de todos os galegos e galegas.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2006-10-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES