O director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Francisco Fernández Cortés, e o subdirector de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, Francisco Alonso, reuníronse este mediodía cos mariscadores ferroláns e representantes sindicais para constituir a Mesa de Traballo sobre a Ría de Ferrol tras quedar clasificado como zona C o principal banco marisqueiro desta localidade coruñesa, o banco de As Pías.
Na xuntanza, ademais de constituirse formalmente a mesa, o director xeral de Recursos deu a coñecer a súa proposta para a execución dun plan de traballo que ten como principal obxectivo conseguir a mellora da situación da ría ferrolá e dos seus traballadores. A devandita proposta, que Fernández Cortés que está disposto a ampliar coas ideas e iniciativas que aporten os mariscadores, céntrase en dous puntos básicos:
* Aproveitar a produción de As Pías como proveedora de semente para os bancos marisqueiros de Galicia.
* O aproveitamento da produción para a comercialización a través do desenvolvemento de novas fórmulas de comercialización, a reinstalación da produción (fóra da Ría de Ferrol) e a súa estabulación en viveiros flotantes.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente propuxo como punto importante no plan de traballo o estudo das actuacións urxentes dende o punto de vista do saneamento das augas. Os restantes membros da mesa comprometéronse a estudar outras posibles medidas e presentalas nun prazo máximo de dez días, ante a Dirección Xeral de Recursos. Unha vez estudiadas todas as propostas comezarase coa planificación e execución das accións.
O director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca destacou nesta xuntanza a necesidade de que todas as organizacións colaboren de xeito positivo nun fin común como é a recuperación do banco marisqueiro de As Pías.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.