
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno galego convocará con carácter inmediato os complementos económicos de excelencia e calidade da actividade docente universitaria. Para o Goberno que presido argumentou-, é unha prioridade establecer sistemas que permitan recoñecer a actividade, participación e excelencia do profesorado universitario tanto na docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento, como na participación na xestión das súas institucións. Por iso, engadiu Pérez Touriño, este recoñecemento vaise facer efectivo mediante a inmediata convocatoria dos complementos económicos de excelencia que permitirán colocar ao noso profesorado nos primeiros lugares do Estado en relación aos incentivos.
O xefe do Executivo galego realizou este anuncio no transcurso da inauguración oficial do curso académico universitario 2006-2007, que tivo lugar na Universidade da Coruña, acto no que tamén participou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.
A convocatoria dos complementos económicos para o profesorado universitario farase pública con carácter inmediato, previsiblemente, o vindeiro mes. Con esta medida, á que se destinarán 2,3 millóns de euros, o Goberno galego trata de incentivar a formación do propio profesorado como unha forma de mellorar a calidade do ensino universitario.
O máximo complemento económico ao que poden optar os profesores universitarios é de 10.000 euros anuais, o que os situará entre os docentes mellor retribuídos de España. Estas retribucións pretenden, deste xeito, complementar os ingresos dos docentes universitarios, premiando non só os seus méritos senón tamén a súa formación complementaria, as publicacións que teñan realizado ou a súa asistencia a congresos nos últimos anos.
Incremento do esforzo orzamentario
Emilio Pérez Touriño tamén se referiu na súa intervención á aposta que o Goberno galego está a realizar polo ensino universitario, consciente de que a educación e a preparación dos mozos galegos é un dos principais activos do futuro da Comunidade.
De aí que o presidente da Xunta asumira o compromiso político de incrementar progresivamente o esforzo orzamentario dirixido ás universidades, un esforzo que, segundo lembrou Pérez Touriño, xa iniciamos neste exercicio cun incremento orzamentario do 10%, superior ao previsto no plan de financiamento das universidades e que seguiremos desenvolvendo ata lograr o obxectivo que como Goberno nos propuxemos de acadar un gasto en universidades do 1% do PIB ao finalizar a presente lexislatura, aseverou.
5.000 novos investigadores
Paralelamente, o xefe do Executivo galego indicou que na Comunidade o número de investigadores en relación á poboación activa (3,8 por mil) está aínda un punto por debaixo da media no conxunto de España e moito máis lonxe dos países máis desenvolvidos ou dos obxectivos europeos establecidos no cumio de Lisboa para 2010, que falan dunha porcentaxe do 8 por mil.
Ao seu xuízo, para avanzar cara un equilibrio entre estes índices precísase a incorporación nos vindeiros anos de 5.000 novos investigadores, que en parte xa foron ou están sendo formados polas universidades galegas. De aí a posta en marcha por parte da Xunta do Programa de Recursos Humanos que, segundo o presidente da Xunta, trata de poñer remedio a esta situación e duplica as dotacións anteriores, define, por primeira vez, a carreira investigadora, e prestará especial atención a un dos puntos débiles do sistema, como é a carencia de investigadores nas empresas.
Plan galego de I+D+i
Na mesma liña, o presidente galego aludiu á necesidade de que as universidades galegas redobren o seu compromiso cun desenvolvemento económico sustentado no coñecemento. Un compromiso que, ao seu entender, pasa pola implementación de estratexias e accións decididas, orientadas a propiciar a eficiencia e a produtividade nos procesos de xestión da investigación e, igualmente, na transferencia dos seus resultados á sociedade.
E nesta dirección engadiu- enmárcase a posta en marcha do Plan Galego de I+D, aprobado hai dúas semanas polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que recolle un gasto público no período 2006-2010 de 800 millóns de euros, o que supón triplicar o esforzo con respecto ao período anterior 2001-2005. Así mesmo, lembrou que neste ano 2006 xa se produciu un incremento do orzamento de I+D+i de máis do 30% en relación co orzamento anterior.
Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén explicou que un dos obxectivos que persegue o Goberno que preside nesta materia é acadar que as empresas galegas, que na actualidade executan unicamente o 37% do gasto total de I+D+i de Galicia, pasen a un 50% do total. Esta ambiciosa aposta engadiu-, pretende situar á Comunidade galega nunha posición avanzada no contexto do sistema europeo de investigación e innovación.
Outra das finalidades da política de I+D+i do Goberno galego, segundo sinalou Touriño, é establecer unha articulación do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía fixando lugares de encontro entre as universidades e os axentes económicos e empresariais que permitan superar a limitación que presentan as universidades para participar nos procesos de innovación e transferencia tecnolóxica coas empresas do contorno.
Inicio dos primeiros títulos oficiais e mestrados
Por último, o máximo mandatario galego salientou que o curso universitario que agora comeza supón un fito, porque con el inícianse os primeiros títulos oficiais de postgrao e mestrados. Touriño explicou que este proceso comeza coa implantación dos primeiros 22 títulos de mestrado, 6 deles interuniversitarios, froito do diálogo e colaboración entre as tres universidades e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.