O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou en Santiago o programa Galiza sen barreiras, mediante o que a Vicepresidencia pretende facer das vilas e cidades galegas un exemplo de integración e calidade de vida mediante a execución das actuacións necesarias para mellorar e igualar a calidade das persoas con algún tipo de discapacidade. Vicepresidencia inviste este ano nesta iniciativa un total de 1.544.639 euros, o que supón tres veces máis do que viña investindo ata agora o Goberno galego neste tipo de actuacións.
Catro son os obxectivos básicos de Galiza sen barreiras, segundo explicou Anxo Quintana: dar un paso definitivo na consecución da accesibilidade para todas as persoas, cumprir estrictamente a normativa de accesibilidade nos espazos e equipamentos públicos, achegar a sociedade da información aos servizos sociais de atención a colectivos e persoas con necesidades especiais e impulsar a colaboración interadminstrativa na aposta pola cohesión social.
O vicepresidente insistiu especialmente nesta última finalidade, xa que destacou a necesidade de fomentar a cooperación intelixente entre administracións como a mellor maneira de prestar os servizos axeitados aos cidadáns. O programa Galiza sen barreiras serve para concienciar ás entidades locais da necesidade de realizar as actuacións precisas para facilitarlles as condicións de vida ás persoas con algún tipo de discapacidade.
Actuacións
O programa inclúe tres tipos de actuacións que se están levando a cabo nos concellos (ou xa executadas ou a executar no que queda de ano): a eliminación de barreiras en espazos e equipamentos públicos, o equipamento de novas tecnoloxías para os servizos sociais de titularidade municipal e a disposición de recursos e servizos específicos para as persoas con discapacidade.
Dentro do apartado de eliminación de barreiras físicas -ao que se dedican 1.428.218 euros-, inclúense tres accións diferentes: a adaptación de edificios e equipamentos públicos, a eliminación de barreiras en vías e espazos públicos, e por último, a execución de plataformas e sistemas elevadores. Para a accesibilidade de novas tecnoloxías invístense 39.714 euros. E finalmente, no apartado de posta a disposición de recursos específicos para persoas con discapacidade trátase de ofrecer os recursos de vivenda e equipamentos en discapacidade adecuados, cun orzamento de 76.705 euros.
O vicepresidente explicou que na provincia da Coruña se benefician desta iniciativa un total de 13 concellos, cun investimento total de 483.662 euros. Na provincia de Lugo participan neste programa 19 concellos, para os que vai un orzamento de 437.665 euros. Ourense é a provincia onde en máis municipios se realizan actuacións, en concreto en 23 concellos, cun investimento de 250.132 euros. E por último, Galiza sen barreiras chega a 21 municipios da provincia de Pontevedra, con 373.178 euros.
Previsións
Quintana sinalou que a intención da Vicepresidencia é aumentar para o vindeiro ano as actuacións e as achegas económicas para este proxecto, xa que dixo estar seguro que en 2007 máis concellos galegos se quererán sumar a este programa. Manifestou que xa é hora de rematar coa falsa idea de que este tipo de actuacións son só residuais, todo o contrario, asegurou que a Vicepresidencia considera un obxectivo prioritario acadar a plena integración das persoas con discapacidade na vida diaria.
Á parte do pulo de actuacións deste tipo, a Vicepresidencia pretende acadar unha integración real das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, entre outros, no ámbito da educación e dos estudos. Quintana anunciou que ao longo do mes de outubro se fará realidade a posta en marcha dun centro referencial en Santiago para facilitar o acceso ao ámbito universitario das persoas con discapacidade. Trátase dun antigo proxecto sempre reivindicado por diferentes e múltiples colectivos, que agora se vai por en marcha grazas ao acordo co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (que cofinanciará a iniciativa) e con entidades de persoas con discapacidade física.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.