Notas de prensa

O presidente da Xunta sostén que o arquivo de Cortázar doado por Aurora Bernárdez fai de Galicia un país máis universal

Emilio Pérez Touriño inaugurou a exposición Ler Imaxes: O arquivo fotográfico de Julio Cortázar, primeira das actividades programadas pola Xunta de Galicia para pór en valor e dar a coñecer o legado do escritor.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que a presenza do arquivo de Julio Cortázar en Galicia grazas á doazón de Aurora Bernárdez fai da nosa comunidade un país “máis universal”.

“Esta iniciativa reafirma os nosos anceios de apertura ao mundo, de amizade e aceptación dos outros, por riba de matices, diferenzas e acentos que non son quen de ocultar todo o que aos seres humanos nos é común”, enfatizou o máximo mandatario galego durante a inauguración da exposición Ler Imaxes: O arquivo fotográfico de Julio Cortázar, a primeira das actividades programadas dentro do Outono Cortázar, co que se pretende pór en valor o fondo documental do escritor legado a Galicia pola súa viúva.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño salientou o material “enormemente valioso”, “singular” e “íntimo” que integra a colección cedida por Aurora Bernárdez a Galicia pois, como sinalou, configura “unha especie de álbum persoal do escritor, a fotobiografía dun dos grandes revolucionarios das literaturas hispánicas do pasado século”. “A personalidade e a obra de Julio Cortázar fican, deste xeito, unidas para sempre a Galicia”, remarcou.

Neste senso, o presidente incidiu nos lazos que uniron a Cortázar coa nosa comunidade a través da súa relación con figuras como Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, momento que aproveitou para gabar o labor dos miles de galegos que converteron Buenos Aires “na quinta provincia” e cos que, engadiu, Galicia “segue a manter unha débeda imposible de saldar”.

Por todo elo, o xefe do Executivo galego quixo agradecer a Aurora Bernárdez a súa “mostra de xenerosidade e patriotismo” ao facerlle a Galicia a entrega desinteresada do legado fotográfico e fílmico de Cortázar. “Foi unha declaración de amor: declaraches oficialmente a presenza de Galicia na túa vida e na do propio Cortázar”, subliñou.

Intervención do presidente da Xunta de Galicia na apertura da exposición Ler imaxes: O arquivo fotográfico de Julio Cortázar:

Sra. Presidenta do Parlamento de Galicia
Sr. Delegado do Goberno en Galicia
Sr. Alcalde de Santiago de Compostela
Sr.Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela
Sra. conselleira de Cultura e Deporte
Dª Aurora Bernárdez
Sra. Comisaria da Exposición
Autoridades e representacións
Señoras e señores do mundo da cultura e os medios de comunicación,
Amigas e amigos,

Querida Aurora:

O 10 de decembro do ano pasado abríchesme as portas da túa casa de París, aquel espazo de intimidade que compartiches durante anos con Julio Cortázar.

Como presidente de todas as galegas e de todos os galegos, gocei da túa hospitalidade naquel obradoiro de soños e de alquimias verbais que conserva, mercé á constancia do teu celo, a atmosfera do escritor. Pero comigo non entrou Galicia naquela casa de Géneral Beuret, porque Galicia estaba dentro desde había moitos anos, desde o momento en que unha rapaza de Maside, filla e neta de galegos, decidiu crear ao alimón co autor de Rayuela un relanzo de convivencia creativa.

Eu coñecía daquela, querida Aurora, a túa altura intelectual. Xa a definira Mario Vargas Llosa cando te comparou co teu home: “Era difícil determinar –escribiu o autor peruano– quién había leído más y mejor, y cuál de los dos decía cosas más agudas e inesperadas sobre libros y autores”.

Pero o que souben aquel día, e dou fe pública diso, foi da túa xenerosidade e do teu patriotismo. Aprendino cando me fixeches entrega desinteresada, para ser custodiado en Galicia, do legado fotográfico e fílmico de Julio Cortázar.

Foi unha declaración de amor: declaraches oficialmente a presenza de Galicia na túa vida e na do propio Cortázar.

Esta exposición que hoxe inauguramos, distribuída entre este Pazo de Fonseca e a Igrexa da Universidade de Santiago, quere dar testemuño desa relación e, ao tempo, devolverche un pouco do que nos deches.

Señoras e señores:

A doazón de Aurora Bernárdez é enormemente valiosa polo material tan singular e tan íntimo que a integra. Como xa se dixo nalgures, trátase dunha especie de álbum persoal do escritor, a fotobiografía dun dos grandes revolucionarios das literaturas hispánicas do pasado século, do creador de títulos inmorredoiros como Rayuela, Historia de cronopios y de famas ou El libro de Manuel.

A personalidade e a obra de Julio Cortázar fican, deste xeito, unidas para sempre a Galicia. Dámoslle así continuidade a unha relación que, a través de figuras como as de Francisco Porrúa, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste ou Arturo Cuadrado, constituíu un importante capítulo na biografía do escritor arxentino.

Pero, máis aló da indubidable relevancia deste fondo documental, a decisión de Aurora Bernárdez é tamén unha xenerosa expresión dos vínculos que esta muller de letras, recoñecida e excelente tradutora, quixo manter sempre co país dos seus devanceiros.

Nunca se ausentaron da alma de Aurora as imaxes da nenez en Ourense, nin o arrecendo das palabras que chegaban dende este lado do Atlántico e que se mantiñan vivas no fogar familiar. O seu caso é semellante ao de tantos miles de galegos que converteron a Buenos Aires na “quinta provincia”, na cidade na que García Lorca soubo escoitar “unha gaita sobre o Río da Prata”.

Entre eses galegos que paseaban polas “rúas infindas” da cidade porteña estaban tamén os intelectuais e os escritores da emigración e do exilio, os xa citados e moitos outros cos que Galicia segue a manter unha débeda imposible de saldar.

Todos eles foron capaces de integrarse na vida cultural arxentina, sen abandonar por este motivo unha identificación con Galicia que chega ata os seus descendentes e que hoxe atopa unha excepcional personificación en Aurora Bernárdez.

Houbo un tempo en que o papel de Julio Cortázar na historia literaria parecía correr o risco de quedar restrinxido ao ámbito biográfico da xeración que irrompe en maio do 68 e que fixo bandeira do lema “a imaxinación ao poder”.

Ese temor, absolutamente infundado, está a ser desmentido pola fermosa certeza dos seus libros, profusamente reeditados e animosamente lidos polas novas promocións lectoras.

A eclosión do fantástico na esfera do cotián, o maxistral e orixinal xogo cos diferentes xéneros literarios e artísticos, e a capacidade de asombro do viaxeiro infatigable constitúen achegas xa incorporadas ao acervo da literatura universal.

El mesmo personificou na súa vida esa búsqueda constante. Unha existencia que se moveu, sen fracturas nin escisións, entre París e Buenos Aires, entre Poe e Charlie Parker, entre os cronopios e famas e o Libro de Manuel, entre a realidade menesterosa e o soño superador.

A presenza de Julio Cortázar entre nós convértese agora en presenza permanente grazas á doazón de Aurora Bernárdez, que fai de Galicia un país un pouco máis universal.

Unha iniciativa que reafirma os nosos anceios de apertura ao mundo, de amizade e aceptación dos outros, por riba de matices, diferenzas e acentos que non son quen de ocultar todo o que aos seres humanos nos é común.

Galicia é dende hoxe un país máis cortazariano. E eu, como lector, pero tamén como presidente dos galegos, alégrome moito de que así sexa.

Grazas Sr. reitor por acollernos nesta casa da cultura, grazas Aurora, e grazas a todos e a todas vostedes

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES