Notas de prensa

Quintana anuncia a construción de 10 galescolas e 8 centros de día como primeiras actuacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O vicepresidente inaugurou unha xornada informativa para presentar as liñas da Secretaría Xeral do Benestar aos profesionais dos servizos sociais de Galiza.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou a construción de 10 galescolas e 8 centros de día a comezos do próximo ano como primeiras actuacións que desenvolverá o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que suporán a creación de 200 novos postos de traballo. Quintana fixo estas declaracións no marco dunha xornada informativa en Santiago de Compostela na que se presentaron as liñas da Secretaría Xeral do Benestar aos profesionais dos servizos sociais galegos.

O vicepresidente explicou aos profesionais este novo mecanismo de xestión que permitirá facilitar o desenvolvemento dos recursos nas áreas de igualdade e benestar, a asegurou que o Consorcio vai garantir a responsabilidade pública e a cooperación interadministrativa na prestación dos servizos sociais, establecendo un sistema de colaboración estable entre a Xunta e os concellos. Neste senso, asegurou que vai permitir cambiar o modelo anterior de prestación dos servizos e facer fronte ás súas deficiencias: oferta insuficiente, carácter fragmentario e descontinuo na xestión e cobertura territorial, e falla de mecanismos efectivos de coordinación entre os sistemas de protección social.

Anxo Quintana tamén aludiu, entre os novos mecanismos de xestión que está a poñer en marcha o seu departamento, á Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), participada pola Xunta e polas principais caixas de aforros galegas, que fará posible a creación de cinco novas residencias de ámbito comarcal.

Mapa de servizos

Entre as liñas que está a desenvolver a Secretaría Xeral do Benestar, o vicepresidente presentou tamén o documento preliminar do que será o primeiro mapa de servizos sociais de Galiza. Segundo dixo, nel apóstase por unha demarcación territorial lóxica e coherente que permita atender as especificidades territoriais e posibilite situar os equipamentos máis axeitados onde realmente se precisan.

Inclusión social

Ao respecto doutras actuacións prioritarias, fixo referencia ao novo Plan de Inclusión Social para loitar contra a pobreza e a exclusión e adiantou a posta en marcha o próximo ano de 21 equipos de atención nas zonas máis castigadas pola pobreza e o desemprego, reforzando especialmente a atención ás mulleres. Nesta liña, citou ademais a atención en situacións de emerxencia a persoas sen fogar e á modificación da lei RISGA (Renda de Integración Social de Galicia) para convertela nun verdadeiro instrumento para a normalización da vida das persoas.

Entre as medidas nas que se traballa, está tamén a posta en marcha dunha liña de inserción laboral destinada ás persoas discapacitadas, ás minorías étnicas e á mocidade galega, tanto no medio urbano coma no rural.

Compromiso co benestar

Quintana lembrou que o seu departamento asumiu dende o primeiro momento o reto de levar a cabo a revolución tranquila do Benestar como mellor mostra do seu compromiso de país, porque “a través das políticas de benestar tamén se fai país”. O vicepresidente lembrou que “un ano despois as bases desta revolución tranquila no eido social están establecidas”.

Amosouse convencido de que “as galegas e os galegos son cada vez máis conscientes de que un maior autogoberno implica un mellor goberno, máis recursos e oportunidades para unha sociedade máis xusta e equitativa”. Así, engadiu que as políticas de igualdade e benestar son o campo no que se pode definir unha nova relación co Estado, sen dependencias nin xerarquías.

Como exemplo, citou a consecución dun financiamento de 60 millóns de euros a maiores do previsto inicialmente para a aplicación da Lei de Dependencia en Galiza e que supoñen un primeiro paso para saldar a débeda histórica do Estado coa comunidade. Neste acordo, subscrito entre a Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo asumiuse o maior custo que os servizos que prevé a norma teñen aquí, como consecuencia da dispersión e do envellecemento da poboación, ao tempo que se recoñeceu a competencia exclusiva en materia se servizos sociais.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES