Notas de prensa

O secretario xeral da Consellería de Traballo fai entrega a Fadesa do Premio á Excelencia na Xestión da Prevención de Riscos Laborais

Trátase da segunda edición deste galardón que convoca a Fundación do Centro de Iniciativas Profesionais, e que recoñece o labor desta empresa galega que no último ano non rexistrou ningún accidente de carácter grave nin mortal.

O secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, entregou o Premio á Excelencia na Xestión da Prevención de Riscos Laborais, da Fundación do Centro de Iniciativas Profesionais (C.I.P.), á empresa inmobiliaria e de construción FADESA polos seus excelentes resultados en materia de prevención de riscos laborais no último ano. No acto, que tivo lugar na sede da Fundación CIP, tamén estivo presente a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, e a vicepresidenta de FADESA, Mª Felipa Jove Santos.

O secretario felicitou a FADESA polo recoñecemento que se lle concede con este galardón e manifestou que se trata “dun expoñente do bo facer na Prevención de Riscos Laborais, xa que no último ano impartiu máis de mil horas de formación e numerosas actuacións relacionadas coa seguridade, alcanzando unha utopía en construción: cero accidentes graves e cero accidentes mortais”.

O fallo deste premio decidiuse despois de que se reunira o Padroado da Fundación CIP con diferentes expertos nas áreas de Seguridade, Hixiene e Ergonomía, que examinaron as memorias preventivas de distintas empresas, chegando á conclusión de que Fadesa era a que reunía as mellores condicións para a obtención da segunda edición deste premio. Segundo recoñeceu Vázquez Portomeñe “este premio á Excelencia na Xestión de Prevención de Riscos Laborais é o recoñecemento ao esforzo das empresas galegas comprometidas coa seguridade dos seus traballadores, feito imprescindible para conseguir un emprego estable e de calidade, o cal representa o obxectivo prioritario da Consellería de Traballo”.

Este esforzo comprometido coa seguridade dos traballadores, é especialmente significativo na actividade que desenvolve a empresa distinguida nesta II edición do premio, a construción, xa que se trata, tal e como apuntou Vázquez Portomeñe, do sector que presenta un maior índice de sinistralidade laboral, pois “representa o 12,6% da poboación afiliada e acumula o 26,3% dos accidentes con baixa laboral”.
O secretario destacou que aínda que no último ano tense reducido a repercusión dos accidentes graves e mortais neste sector, xa que en xullo de 2005 estes sinistros representaban o 35,8% do total de accidentes, e en agosto deste ano esa porcentaxe descendeu ata o 25,7%, se trata dunha cifra que “aínda non é suficiente polo que temos que seguir afondando e implementando as medidas necesarias para a súa erradicación”, sinalou o secretario xeral. Outro dato a ter en conta nesta redución da sinistralidade é o aumento da contratación indefinida, que se rexistrou neste sector, xa que en relación co ano pasado incrementouse nun 44%, o que o converte no sector económico cun maior ascenso deste tipo de contratos.

Vázquez Portomeñe fixo un repaso das medidas postas en marcha pola Consellería que dirixe Ricardo Varela no eido da seguridade e saúde no traballo. Entre elas, destacou o impulso, por parte do Goberno, do proceso de Diálogo Social, onde se estableceu como un dos principais obxectivos a concertación dun Gran Acordo para o Emprego en Galicia e outro Gran acordo para loitar contra a Sinistralidade, “este último xa deu os seus froitos en boa medida, xa que se ten pactado a Lei pola que se crea un novo Instituto de Saúde Laboral e se ten acordado o Plan Estratéxico de Loita Contra a Sinistralidade Laboral”, declarou Vázquez Portomeñe.

Mentres se acadaban estes acordos na Mesa de Diálogo Social, a Consellería de Traballo adoptou diferentes medidas directas para loitar contra a sinistralidade, pois, tal e como manifestou o secretario xeral, no marco do I Plan Integral de Emprego de Galicia “están a saír á rúa 125 técnicos de prevención no sector da construción e noutros sectores con maiores índices de incidencia da sinistralidade, para que realicen a súa actividade, (avaliación de risco e comprobación do plan de prevención, equipos e medios de protección utilizados, etc.) visitando diferentes empresas e centros de traballo e propoñendo ás modificación oportunas”.

O secretario recordou ademais que o pasado 15 de maio asinouse un Protocolo de Coordinación entre a Consellería e o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a “investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores así como para a execución efectiva das sentenzas condenatorias; realizáronse campañas intensivas específicas para evitar o risco de caídas de altura, nos meses de xullo e agosto; en breve porase en marcha o Plan Agro así como a publicación do Decreto de Habilitación dos Técnicos de Prevencións de Risco Laborais que permitirá, coordinadamente coa Inspección de Traballo, ampliar os recursos destinados á vixilancia e control do cumprimento da normativa de Prevención de Riscos”.

Actualmente, está en marcha o Plan Vixía, unha actividade formativa de prevención adicada ao sector pesqueiro, así como a campaña de sensibilización Moitollo, dirixida especificamente aos máis cativos, co fin de inculcar a cultura preventiva dende a propia escola.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES