
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos promove, xunto co Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (Cetpec), o proxecto Peixe Verde para o uso de enerxías alternativas nos barcos da pesca, aportando unha financiación dun millón de euros. O obxectivo desta experiencia, pioneira en Galicia, é evitar que o incremento no prezo dos combustibles tradicionais, tal e como vén pasando nos últimos anos, perxudique economicamente ao sector pesqueiro galego. Deste xeito, perséguese unha redución dos costes derivados do consumo enerxético dos barcos nun 30%, así como transformar os motores a gasolina das embarcacións da pesca artesanal para que poidan funcionar con gas licuado de petróleo (GLP).
Nesta liña se situa unha das actuacións promovidas por Pesca no marco de Peixe Verde. Trátase da adaptación, en tres embarcacións da frota artesanal dos portos de A Pobra, O Grove e Cangas, das experiencias adquiridas ata o momento na transformación dos motores a gasolina. A pesca artesanal foi a elexida para esta acción xa que aínda emprega barcos a gasolina, o que non lle permite acceder ás axudas comunitarias, tamén chamadas mínimis. Así, ao longo desta semana, un equipo de técnicos do Cetpec, están a levar a cabo as reparacións necesarias para adecuar os motores de gasolina ao GLP e para realizar a toma de datos sobre o seu funcionamento. Agárdanse resultados positivos aínda que será necesario esperar uns seis meses para dar a coñecer uns resultados definitivos, unha vez se realicen todas as probas que se requiran e se poidan dar validez aos datos que se extrapolen desta actuación. De tódolos xeitos, os técnicos estiman que, de progresar esta experiencia, o aforro económico estimado por embarcación e por ano é de, aproximadamente, 3.000 euros.
O Santiago Apóstolo
O proxecto Peixe Verde orixinouse cunha iniciativa no buque Santiago Apostolo, presentada o pasado mes de marzo por Carmen Gallego, onde se está aplicando toda a metodoloxía necesaria para acadar unha redución do 30% no custe por consumo enerxético. Para conseguir isto, estanse a seguir diversas liñas de actuación como: a posta en marcha dun sistema de captura de datos, a persecución de medidas de aforro e eficiencia enerxética en temas de iluminación ou climatización e a procura dunha viabilidade técnica e económica para empregar gas natural e GLP como combustible nos barcos, o almacenamento do devandito combustible, o cambio de motores e a operatividade dos barcos coas enerxías alternativas.
Con estas actuacións por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e coa súa aportación económica iníciase xa o camiño para a busca de solucións ao aumento do prezo do combustible que, dende o novo Goberno galego, se entende que supón un grave risco para a viabilidade do sector pesqueiro da nosa comunidade. Nesta iniciativa colaboran, ademais de Pesca, Repsol YPF, Gas Natural, o Inega e o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.