O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou en Moaña, nun encontro con familiares de enfermos de alzhéimer, que a Vicepresidencia investirá 9 millóns de euros ata 2008 na creación dunha rede de 11 Centros para enfermos de alzheimer. A rede suporá a creación e posta en marcha dun destes centros en cada unha das sete grandes cidades galegas, aos que se sumarán os de Moaña, Ribeira, O Porriño e Monforte.
O vicepresidente explicou que o progresivo aumento dos maiores de 65 anos en relación ao conxunto da poboación galega, e a necesidade de dar apoio institucional aos coidadores informais levou á Vicepresidencia a promover esta Rede de Centros para enfermos de Alzheimer e outras demencias. Segundo dixo Quintana, a maioría destes centros que formarán a rede xa se atopan en obras ou en proceso de acreditación.
Segundo explicou o vicepresidente, estes centros garantirán unha atención diúrna ás persoas con estas enfermidades, e permitirán coidados específicos segundo a fase da enfermidade en que se atope cada usuario. As súas actividades abarcarán dende a estimulación preventiva para retrasar a situación de dependencia que produce o alzhéimer, ata o desenvolvemento de actividades terapéuticas e o coidado durante toda a xornada no centro ou no propio fogar, nos casos máis avanzados.
Quintana anunciou ademais que esta rede se verá complementada cun servizo de transporte adaptado, que facilitará o traslado dos maiores que o precisen e superar deste xeito as dificultades derivadas da dispersión poboacional en Galiza.
O vicepresidente aproveitou a celebración hoxe do Día Mundial do Alzhéimer para deixar claro o noso grao de compromiso cos afectados por estas enfermidades. Un apoio que segundo dixo Quintana a Vicepresidencia leva a cabo coordinada coas familias e coas asociacións galegas que traballan neste eido. Así, lembrou que na implantación da Rede de Centros a Vicepresidencia conta coa colaboración da Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (FAGAL).
Encontro con familiares
Quintana celebrou o Día Mundial do Alzhéimer en Moaña, onde compartiu un encontro con familiares de enfermos con esta doenza da zona. Na Casa da Xuventude de Moaña, o vicepresidente lembrou que o alzhéimer é a primeira causa de demencia nos países desenvolvidos. En Galiza, segundo os datos facilitados por Quintana, unhas 50.000 persoas están diagnosticadas con este padecemento e outras demencias. Ademais o vicepresidente lembrou os efectos que o alzhéimer produce nas persoas, e fixo especial fincapé nas repercusións das familias coidadoras destes enfermos, especialmente nas mulleres e fillas dos afectados que son as que asumen maioritariamente este papel renunciando ao seu traballo, ao seu tempo de lecer e mesmo á súa propia saúde, lembrou Quintana.
Nesta labor o vicepresidente destacou ademais o importante papel que xogan as asociacións, punto de encontro das familias afectadas para compartir experiencias, información e procurarse apoio mutuo, dixo Quintana.
O vicepresidente aproveitou este encontro para reiterar ademais o noso firme propósito de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, proporcionándolles os coidados que precisan, promovendo a súa autonomía persoal e na medida do posible a permanencia no seu entorno, ademais de posibilitar actuacións que apoien e reforcen os coidados das familias como mellor xeito de garantir o benestar de todos os galegos e as galegas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.