
O 23 de setembro dá comezo o programa Coñece Brión, unha iniciativa do Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Brión. Mediante esta iniciativa veciños e foráneos poderán achegarse máis de preto ao municipio para entender e apreciar o seu patrimonio histórico e natural.
A primeira proposta do programa será unha rota de sendeirismo circular que parte e remata na aldea de Forxán. Esta rota é unha das máis fermosas do municipio e denomínase Rota dos Cruceiros. A dificultade da camiñada é media-baixa. O prazo de inscrición para participar será ata o día 22 na Casa da Cultura. O Concello porá á disposición dos participantes un servizo gratuíto de transporte.
Os encantos da rota
O sendeirismo é xa unha actividade tradicional en Brión. Na imaxe que se vos presenta podedes ver tres sendeiristas recorrendo precisamente no pasado ano a Rota dos Cruceiros. Para os interesados diremos que este traxecto comeza no cruceiro da aldea de Forxán e rodea esta poboación pasando por un castro sen escavar desde o que se pode ver unha fermosa vista do río Tambre.
Diríxese logo ao río Traba, discorrendo pola súa beira entre a Ponte dos Carros e a Ponte da Igrexa. Neste tramo atópanse varios muíños de interese. Ao chegar á Ponte da Igrexa, cóllese á dereita dirección Pousada, onde se poden ver tres cruceiros de distinto tipo, destacando o chamado da Goriña, cruceiro de capela do ano 1673, o máis antigo do concello.Atravesando a aldea de Pousa, regrésase finalmente á beira do río Traba ata a igrexa de Santa María de Viceso e de aí ata o punto de partida.
Cabe destacar que hai tramos desta rota que coinciden co Camiño Francés, como se pode ver nas sinalizacións das zonas de Pousada e a igrexa de Viceso, especialmente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.