O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, recomendoulle ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, que dimita en favor do fútbol galego, como consecuencia do escándalo xurdido tralas acusacións de mal uso dos cartos da federación galega de fútbol.
O máximo responsábel do Deporte Galego reuniuse co presidente da Federación Galega de Fútbol, para tratar sobre presuntas irregularidades no seo deste colectivo, que foron denunciadas hai uns días pola Asociación Galega de Clubs, presidida por Plácido Díaz, ante a Dirección Xeral para o Deporte. Esta documentación foi entregada ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, que será o encargado de dilucidar se se está a cometer algún tipo de irregularidade, de acordo coa Lei Galega do Deporte, pola que se rexe a Federación Galega de Fútbol.
Ao remate da reunión, o director xeral explicou que despois de escoitar a Meana lle quedou claro o papel que desempeñou o presidente neste proceso, aínda que non me aclarou nada sobre o quid da cuestión, sobre as gratificacións, eses pagos, eses indicios de utilización indebida dos cartos da federación. Parece descoñecer a documentación existente e quedou en que ía solicitala aos seus colaboradores. Ante a falta de clarificación sobre a situación actual, Domínguez recomendoulle ao presidente da Galega que dimita en favor do fútbol galego e que cese ao seu secretario xeral, para poder así facer un proceso electoral limpo e claro e que sexa o fútbol galego o que elixa aos seus dirixentes e a partires de entón se volva a falar de fútbol e non doutras cousas.
Por parte de Meana non houbo resposta a recomendación realizada polo director xeral, quen espera que todo o conflito se solucione canto antes, en favor do noso fútbol. Son moitas as chamadas que recibín ao longo do día de hoxe de xente do fútbol galego que pide dimisións, porque existen dúbidas razoábeis sobre o uso destes cartos. A ver como se lle pode explicar ao presidente dun club galego que pasa tantos apuros para conseguir axudas para saír adiante, estes gastos superfluos.
O director xeral para o Deporte quixo deixar ben claro que o secretario xeral da Federación Galega, Ramón de Llano, mentiu cando subliñou que unha parte do importe do convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Deporte e a Federación se dedica ao partido da selección galega de fútbol. Non hai nin un euro dedicado a ese encontro, que se sufraga grazas aos patrocinadores da selección.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.