
O secretario xeral de Exteriores do Goberno galego e Director da Fundación Galicia Europa, Santiago Gómez-Reino, entregou as bolsas para os trece alumnos da Universidade de Santiago de Compostela que realizaron cursos intensivos de idioma para viaxar este ano a outras universidades europeas dentro do programa Erasmus.
Na entrega, que tivo lugar no Reitorado da Universidade de Santiago, tamén participaron o Vicerreitor de oferta docente e espazo europeo de educación superior da USC, Máximo Pla Casasús, e o director do Instituto de Linguas Modernas da universidade compostelá, Xosé Manuel Pérez Pena.
Estas bolsas concédense por terceiro ano consecutivo, logo de acadar un acordo entre a USC e a Fundación Galicia Europa en 2004 para actuar como estímulo e premio ao esforzo que teñen que facer os alumnos para formarse na lingua do país no que realizarán a súa estancia dentro do programa Erasmus.
13 Bolsas de 300 euros
Este ano incrementouse o número de beneficiarios ata acadar os 13, tres máis que o ano pasado. Cada un destes alumnos, os trece mellores destes cursos intensivos realizados no verán de 2006 no Centro de Linguas Modernas da USC, recibirá unha achega de 300 euros por parte da Fundación Galicia Europa.
Por idiomas, concedéronse 6 bolsas para os alumnos de curso de lingua italiana, 2 bolsas para lingua checa, 2 para francés, 2 para inglés e unha bolsa para estudantes de alemán.
O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta felicitou aos rapaces polo seu desempeño neste curso de linguas e animounos a aprender, ademais da súa lingua materna, cando menos dúas linguas europeas. Segundo indicou, esta é unha política por excelencia da Unión Europea e Galicia quere estar á vangarda na súa aplicación. Gómez-Reino manifestou que o Goberno galego ten constancia de que un dos principais problemas cos que se atopan os mozos á hora de viaxar a estudar fóra é o do idioma e por iso a Fundación Galicia Europa ten entre as súas liñas principais de actuación é a de apoiar a aprendizaxe lingüística de nenos e mozos.
Pola súa banda, o Vicerreitor de oferta docente e espazo europeo de educación superior, Máximo Pla Casasús, salientou que a Universidade galega está a traballar para crear un espazo europeo común para a educación e conseguir que os estudos que se realizan en calquera dos Estados membro sexa recoñecido nos outros. Así, avogou por continuar fomentando estas políticas de mobilidade como a que está a desenvolver a Fundación Galicia Europa con estas bolsas e felicitouse pola terceira edición desta convocatoria.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.