Notas de prensa

O Marco de Vigo acolle ata o 3 decembro a exposición de Martín Pena titulada Espazos de recreo

A mostra ESPAZOS DE RECREO forma parte do Proxecto-Edición (www.proxecto-edicion.net), unha proposta coproducida polo CGAC, a Fundación Luis Seoane e o MARCO, que ten como eixo a edición, en todas as súas facetas, como ámbito creativo e como soporte para a creación artística contemporánea.

Para este proxecto destinado ao Espazo Anexo do MARCO, o artista Martín Pena (A Coruña, 1974) toma como punto de partida a elaboración dun arquivo de imaxes de patios de recreo situados en centros de educación infantil, primaria e secundaria en Galicia. A participación dos centros é parte esencial desta iniciativa, que a partir da recompilación de fotografías destes espazos e da súa exhibición na sala, irá enriquecéndose progresivamente con achegas de diversa índole, dando corpo a unha memoria transxeracional baseada directamente na tradición oral.

Até o 3 de decembro, a sala do Espazo Anexo funcionará como lugar de traballo e sala de documentación, na que os visitantes –tanto centros de ensino como particulares– poden colaborar co proxecto, consultar o arquivo dos materiais recibidos até o momento (textos, imaxes e gravacións sonoras), contemplar as fotografías e vídeos exhibidos, conectarse a Internet, ou mesmo xogar coa canastra de baloncesto situada no exterior.

Datos biográficos do artista

Martín Pena naceu n’A Coruña en xaneiro de 1974. Tras licenciarse en Belas Artes na Universidade de Vigo e participar en exposicións como Outpost (Galería Altercado, 1998), 10.000 anos de arte contemporánea (Casa das Artes, Vigo, 1999) ou Lost in Sound (CGAC, 2000), pasou un tempo en Düsseldorf e no País Vasco. Finalmente mudou a EE.UU. para realizar un MFA no Art Institute of Chicago.

Traballou no Acconci Studio (Brooklyn, Nova York), como asistente do artista Txomin Badiola (Bilbao), e como mestre axudante na University of Cape Town (República de Sudáfrica). Na actualidade vive e traballa n’A Coruña.

Entre os seus proxectos máis recentes salientan The Foil (Museo do Mar de Galicia, Vigo, 2004), Encontros (Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, A Coruña, 2005) e Fin de semana, fin de mes, fin de ano (en preparación).

Sobre o director do proxecto

Manuel Olveira (Porto do Son, A Coruña, 1964) licenciouse en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e en Belas Artes na Universidade de Barcelona, antes de traballar como crítico de arte en diversos medios como O Correo Galego, ABC ou Camera Austria. Foi director do centro de recursos barcelonés Hangar (www.hangar.org) entre 2001 e 2005, e das dúas primeiras edicións do proxecto de produción Processos Oberts en Terrassa (www.poberts.org) entre 2004 e 2005. Actualmente é director do Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela, dende onde coordina o Proxecto-Edición.

Catálogo

Co gallo desta exposición, e dentro da colección Espazo Anexo, unha publicación recollerá as fotografías que se teñan reunido dos patios de recreo de centros de ensino de toda Galicia, así como outras achegas –textos, imaxes, testemuñas– a modo de retrato colectivo das distintas xeracións que pasaron a súa infancia nas escolas de Galicia.

Visitas escolares

O departamento de didáctica do MARCO invita especialmente aos centros de ensino (CEIP, CEP, CP, CPR, CPI e IES) a colaborar nesta iniciativa até o 3 de decembro. O persoal do MARCO está ao seu dispor para recibir a documentación que queiran aportar, para poñerlles en contacto co artista, ou para organizar visitas guiadas dentro do programa de visitas escolares.

Horario visitas escolares
Martes, mércores, xoves e venres de 11.00 a 14.00
PREVIA CITA no tel. 986 113900/11 (ext. 307 ou 314)

Síntese do proxecto expositivo

A partir do 15 de setembro o Espazo Anexo do MARCO acolle o proxecto ESPAZOS DE RECREO, do artista Martín Pena, unha obra en proceso que ten como punto de partida a creación dun arquivo documental a través da recompilación de imaxes, testemuñas e experiencias relacionadas cos patios de recreo das escolas de Galicia.

Lugares moi vencellados á memoria individual pero que ao tempo debuxan un retrato da sociedade polo cruce de experiencias relacionadas con distintas xeracións.

Os patios ou espazos de recreo comparten certas características, comúns a case todos eles, que os converten en obxectivos privilexiados para este artista: Martín Pena resalta a súa función múltiple, a ausencia dunha norma estrita no seu deseño (en contraste coa uniformidade na estrutura das aulas e outras dependencias), a súa condición de lugares case residuais, e a súa capacidade de se constituír en escenarios dalgunhas das nosas primeiras incursións no social.

O proxecto está aberto á participación de calquera persoa que o desexe, mesmo a título individual. Un aspecto fundamental é a colaboración dos centros de ensino, aos que se convida a facilitar fotografías e todo o material que consideren oportuno relacionado cos seus patios de recreo, incluíndo comentarios de alumnos e mestres, debuxos, historias, ou mesmo propostas para a mellora destes lugares. Este labor de investigación e comunicación cos centros comezou hai algúns meses e continuará desenvolvéndose a partir da data de inauguración.

Os primeiros materiais recompilados –fotografías en papel, imaxes proxectadas, textos e testemuñas– están xa expostos na sala do Anexo como punto de partida, como un arquivo aberto á participación dos visitantes e das comunidades escolares –profesorado, alumnos, exalumnos...– que poderán colaborar con achegas de índole diversa: por exemplo, enviando fotografías ou debuxos, engadindo comentarios que serán rexistrados, narrando as súas experiencias, anécdotas, historias, ou establecendo contactos con outras persoas, ben na propia sala do Anexo ou a través da web do Proxecto-Edición (www.proxecto-edicion.net). Toda esta documentación pasará a formar parte dun arquivo-anecdotario que irá enriquecéndose
progresivamente, dando corpo a unha memoria transxeracional baseada directamente no fenómeno da tradición oral.

A idea toma en consideración dúas nocións culturais: por unha banda o fenómeno da tradición oral, e pola outra, a intersubxectividade e a construción colectiva de significados. Mestura conceptos como a memoria individual e colectiva, os espazos públicos e privados, os tempos e lugares de lecer como xeradores de experiencias, e sobre todo dá entrada á participación, un denominador común na obra de Martín Pena.

En palabras do artista, “esta proposta atópase por agora moi lonxe –ou moi preto, quen sabe– de ser considerada arte, polo que o seu grao de conexión coa chamada ‘intención artística’ está aínda por ver (...) Parto da sospeita de que esa idea de que arte é aquilo que fan os artistas non e máis ca un mito e que, pola contra, é o propio contexto da arte o que fai as obras (o artista como inquilino da cultura, que diría Michel de Certeau). Entendo este traballo como unha contribución sinxela. A idea de comezar este proxecto cunha recompilación de imaxes dos recreos de toda Galicia tenta planear unha alternativa a algo que –aínda que baixo novas e cada vez máis refinadas formas– non deixamos de presenciar a cotío: a chamada a unha
participación pública para a consecución dunhas metas privadas, o emprego da sociedade coma unha especie de grupo de ‘extras’ e non coma a verdadeira protagonista”.

Espazos de recreo

“…o derradeiro monumento era unha caixa de area. Ou a maqueta dun deserto…”
Robert Smithson, A Tour of the Monuments of Passaic. NJ, 1967
“RS: …estaba pensando en mercar unha bicicleta e…
BB: Oh, si…mmm…sabes que?...mmm… paréceme moi interesante ese concepto de ‘andar en
bicicleta’. Poderías facer uns debuxos moi interesantes dos lugares q…
RS: Â…non, nonÂ…euÂ…
BB: (silencio)
RS: eu…só quero andar en bici por aí”.
Robert Smithson entrevistado por B. Bailey, The School of the Art Institute. Chicago, 1970

Tempo bo, tempo morto

“[…] máis ca unha exposición, ESPAZOS DE RECREO é un convite para a realización colectiva dun retrato, unha proposta incluída no Proxecto-Edición que consiste na elaboración dun arquivo fotográfico de todos os patios de recreo de Galicia cun proceso de recompilación que se poderá observar in situ no Espazo Anexo do MARCO –sito detrás do museo. A sala contará cun espazo de traballo ou ben, en función do ánimo de cada quen, cun área de descanso, un arquivo incipiente, unha fotocopiadora, material de oficina, acceso sen fíos a Internet gratuíto, auga fresca e unha cancha de baloncesto. Todo iso á enteira disposición dos visitantes. Tamén
teño observado nos planos, que o Espazo Anexo se axustaría á perfección ás medidas dun frontón de cesta punta para zurdos a escala 1:2. Pero tal instalación constituiría por si mesma outro proxecto.

Durante os meses vindeiros agardamos recibir as achegas dos visitantes e –moi
especialmente– as de todos os centros educativos de Galicia, que están igualmente convidados a suxerir actividades paralelas. Por agora, o arquivo conta coas fotografías, en diversos formatos, de 35 colexios, ademais de deseños de actividades de aula, a proposta dun colexio de Vigo para a realización dun mural, e o vídeo dun concerto do artista antes coñecido como Prince, que tivo lugar nun colexio da Coruña cando o devandito artista era aínda coñecido como Prince. Tamén temos razóns para sospeitar que certo instituto de bacharelato, en pe de guerra
por mor do mal estado das súas instalacións, anda argallando algo.

Non, o certo é que polo de agora non hai moito que ver. Máis ben, moito por facer […]”
Martín Pena
agosto 2006

Gabinete de Comunicación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), 2006-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES