
FADEMGA FEAPS GALICA (Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia) e a Universidade da Coruña asinaron un Convenio de Colaboración para a realización de actividades e proxectos conxuntos. Dita colaboración levarase a cabo a través do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Facultade de Ciencias da Saúde (Departamento de Mediciña) que dirixe o profesor José Carlos Millán Calenti.
O Presidente de Fademga Feaps Galicia, D. Julio C Cortiñas López, e o Reitor da Universidade da Coruña, D. José María Barja Pérez, asinaron este convenio ante a presencia do Responsable do Grupo de Investigación en Xerontoloxía, D. José Carlos Millán Calenti; e do Vicepresidente de Fademga, D. Elías Palacio Verdini.
O obxectivo deste convenio é traballar conxuntamente na elaboración de proxectos de investigación e na realización de todas aquelas actividades que contribuan ao coñecemento e á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Ambas entidades traballarán conxuntamente para promover o intercambio de coñecementos científicos e culturais, así como o investigador e formativo referido ás persoas con discapacidade física e/ou intelectual.
O Convenio asinado onte contempla unha serie actividades e proxectos nos que FADEMGA e a Universidade da Coruña traballarán conxuntamente como son:
- A organización de actividades formativas dirixidas ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual
- A aportación de persoal docente para participar na Bolsa de Docentes da Confederación Nacional de FEAPS
- A apertura de liñas de investigación e posta en marcha de proxectos sobre envellecemento e discapacidade intelectual.
- O deseño e desenvolvemento de instrumentos de valoración xerontolóxica adaptados a persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.
- A inclusión de materias referidas á Discapacidade Intelectual e ao envellecemento dentro das ensinanzas de postgrao e doutorado en Xerontoloxía, así como a posibilidade de que os alumnos das distintas actividades do Grupo de Investigación poidan realizar as súas actividades prácticas nos centros asociados a FADEMGA.
- O asesoramento da Universidade a FADEMGA FEAPS GALICIA en cantos temas teñan que ver co envellecemento, especialmente referido ás persoas con discapacidade intelectual.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.