Notas de prensa

Pesca inviste este ano máis de 27 millóns de euros en axudas ás confrarías e ás súas federacións

Carmen Gallego informou ao Consello da Xunta das accións levadas a cabo pola Consellería para axudar ao sector a acceder aos recursos públicos por concorrencia competitiva.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, informou aos membros do Goberno galego sobre as axudas outorgadas polo seu departamento ás confrarías de pescadores e ás súas federacións no referente a persoal laboral, formación e divulgación, funcionamento dos colectivos, proxectos
integrais, plans de porto e pesca costeira artesanal. As entidades colectivas accederon ás citadas axudas a través do sistema de concorrencia competitiva, e non por medio de convenios, como facía o anterior goberno. Para estas iniciativas a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos investiu un total de 27.102.778 euros.

Segundo o informe presentado aos membros do executivo autonómico, o
departamento de Pesca da Xunta de Galicia determinou xa, dende a súa
primeira comparecencia no Parlamento, cales ían ser os principios básicos
da súa actuación en relación co sector na procura de impulsar un avance
económico, social e participativo das traballadoras e traballadores do
mundo da pesca, o marisqueo e a acuicultura, marcado pola non exclusión de
ningunha entidade nin o favoritismo que se deu durante moitos anos. De tal
xeito, os principios de transparencia, de participación e implicación
motivaron que no actual orzamento e nas accións que leva a cabo Pesca, se
optara claramente por promover a concorrencia competitiva para acceder aos
recursos públicos que se destinan, sobre todo, a xerar novos proxectos,
inversións, planificacións do sector e que redundarán en beneficio de toda
a colectividade pesqueira galega.

A implantación deste novo sistema supón cambios nos criterios e na
orientación dos fondos públicos e tamén nas organizacións do sector que
teñen que mudar o seu esquema de funcionamento e a súa relación coa
administración, mediante a presentación de proxectos e accións concretas
sometidos a un réxime de avaliación.

Pesca considera que a concorrencia competitiva permite que todas as
organizacións, seguindo baremos obxectivos, teñen dereito a acceder ás
axudas. Deste xeito, as recentes críticas por parte dalgunhas confrarías e
federacións parecen obedecer á súa negativa cara este sistema igualitario e
democrático para con todos os organismos recoñecidos pola Lei de Pesca como
entidades de interese colectivo.

Axudas para persoal, formación e divulgación

Segundo amosa o informe presentado hoxe no Consello, a Consellería de Pesca
conta, na súa relación de postos de traballo, con 128 funcionarios que
teñen o seu destino en confrarías de pescadores de Galicia, colaborando
activamente cos órganos de goberno dos pósitos. Os gastos deste persoal son
asumidos, na súa totalidade, polo departamento que dirixe Carmen Gallego
cunha inversión total de 3.034.928 euros.

Dentro das acción formativas e divulgativas que leva a cabo Pesca inclúense
unha serie de cursos que se imparten a petición dos pósitos dirixidos aos
seus asociados na busca dunha mellora na súa formación. Para estas accións,
a Consellería investe máis de 899.000 para o ano 2006. Ademais, existen
cursos de formación en materia de riscos laborais e formación sanitaria
específica inicial demandados polas organizacións do sector e que imparte a
Federación Galega de Confrarías e para o cal Pesca destinou 50.000 euros. A
Consellería colabora tamén con 310.000 euros noutras accións de divulgación
realizadas polas confrarías.

Gastos de funcionamento

Con respecto á orde publicada no DOG por Pesca para axudas as entidades de
interese colectivo de ámbito provincial ou autonómico, por un importe de
417.000 euros, a Consellería informou que foron solicitadas polas tres
federacións provinciais de confrarías e pola Federación Galega. Asimesmo, o
departamento que dirixe Carmen Gallego destinou unha cantidade de 280.000
euros ao apoio dos sistemas de información contable das confrarías de
pescadores e das súas Federacións.

Proxectos integrais, plans de portos e pesca costeira artesanal

Tal e como consta no informe presentado a Consello, dentro da política de
axudas públicas que contribúen ao desenvolvemento económico de Galicia,
puxéronse en marcha unha serie de actuacións destacables como son os
proxectos de xestión integral, os plans de portos ou as axudas á pesca
costeira artesanal. Estas iniciativas foron acollidas moi positivamente
polo sector que presentou proxectos moi novidosos de explotación de
recursos mariños e de coñecemento e respecto do medio ambiente e que darán
resultados positivos nas vindeiras datas.

No que atinxe á xestión integral de proxectos colectivos pretendeuse que as
organizacións do sector presentasen iniciativas conxuntas para favorecer a
xestión con criterios empresariais do sector e a coordinación das accións
cunha optimización dos recursos públicos. Para esta actuación, no ano 2006
destinouse unha cantidade total de 5.091.784,34 euros.

Por outra banda, o informe inclúe os plans de portos cos que se pretende
dotar aos portos pesqueiros daquelas infraestruturas básicas para o
desenvolvemento da actividade pesqueira con mellores condicións de
seguridade, hixiene e modernidade. Neste caso a inversión de Pesca ascende
a máis de 13.483.000 euros.

No caso das axudas á Pesca Costeira Artesanal, que pretende apoiar aquelas
iniciativas das comunidades de pescadores adicados á pesca artesanal co fin
de dar máis valor engadido aos produtos da pesca, mellorar a
comercialización e aceptar os proxectos que incidan na mellora das
condicións e medios de traballo, pesca investiu unha cuantía de 3.537.066
euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES