O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, anunciaron, tras reunirse no Concello, que a Xunta ten previsto construír un novo edificio na cidade para responder ás necesidades da Administración xudicial.
Segundo Romeu, coas previsións de desenvolvemento e a creación de novas unidades xudiciais especializadas precísase un novo edificio que estea situado nunha zona razoablemente céntrica, xa que presta servizos inmediatos aos cidadáns, e un solar con capacidade de albergar unha construcción de arquitectura representativa, moderna de calidade: Os edificios públicos deben ter esas características que fan que os cidadáns os identifiquen e que poñan en valor o resto do tecido arquitectónico do seu entorno.
Nese sentido, o alcalde de Ourense afirmou que o Concello está disposto a poñer a disposición da Xunta unha parcela cunha edificabilidade aproximada de 15.000 metros cadrados, situada á marxe esquerda do río e próxima ao actual Pazo de Xustiza. O conselleiro explicou que devandita parcela ten unhas características de situación, visibilidade e representatividade que son idóneas, e adiantou que cando pase a disposición da Xunta convocarase un concurso de ideas para ter un proxecto arquitectónico acorde con nivel dunha cidade coma Ourense e que permita, a medio prazo, ter un novo edificio xudicial.
Estudio técnico
Méndez Romeu indicou que o tamaño do solar ofrecido polo Concello permite que as necesidades xudiciais poidan compatibilizarse con outros servizos públicos que a cidade necesita e que están en distintos graos de consecución. O noso obxectivo sería que nos vindeiros meses os equipos técnicos de ambas as dúas institucións comezaran un estudio pormenorizado das características da parcela e da adaptación ao plan de urbanismo vixente, buscando o mellor aproveitamento e a mellor distribución dos usos nela, anunciou.
O titular de Presidencia dixo que será no transcurso desa análise cando se decida se o concurso debe ser para todas as unidades xudiciais de Ourense ou se se manteñerán dous edificios con funcións especializadas, como se fixo noutras cidades. Así, lembrou que o actual Pazo de Xustiza conta cunhas magníficas instalacións e cunha ubicación moi boa: Non queremos perder de vista a posibilidade de que poida seguir xogando un papel importante no servizo público de Ourense.
O conselleiro, quen destacou o desenvolvemento comercial, social e económico que está a vivir Ourense, confiou en que en pouco tempo a Xunta de Galicia poida estar en condicións de ofrecer á cidade o edificio xudicial que necesita para satisfacer as súas necesidades.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.