Notas de prensa

Un curso de escrita teatral dirixido por Cándido Pazó inaugura o Centro de Creación Dramática Contemporánea do CDG

Pistas para unha dramaturxia da actualidade, que dará comezo en novembro, estrutúrase en tres seminarios que impartirán Pazó, Paco Zarzoso e Abel Neves.

O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura en novembro o seu Centro de Creación Dramática Contemporánea coa posta en marcha do curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade baixo a dirección e coordinación do autor, actor, narrador e director escénico Cándido Pazó (Vigo, 1960), quen durante a temporada 2006-2007 será, ademais, o dramaturgo residente do CDG.

O curso estrutúrase en tres obradoiros de 15 horas de duración cada un, a través dos que se identificarán e estudarán os múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e experimentando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Ademais de Pazó, o dramaturgo valenciano Pazo Zarzoso e o portugués Abel Neves serán os profesores deste encontro, dirixido a todas aquelas persoas con interese na escrita teatral, preferiblemente con experiencia ou con formación probada en artes escénicas.

PRAZAS LIMITADAS

Os interesados en participar neste curso, para o que se establece un límite máximo de 12 prazas, poderán inscribirse dende hoxe e até o vindeiro 23 de outubro nas oficinas do Centro Dramático Galego (Rúa Nova, 34. Santiago), en horario de 9.00 a 14.30 horas. O prezo da matrícula é de 240 €, cun desconto do 50 por cento para profesionais da escena, desempregados e estudantes.

Baixo o título O tema. Sobre que queremos escribir?, o primeiro dos seminarios –que será impartido polo propio Pazó do 13 ao 17 de novembro– centrarase en aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, dirección de conflitos e valoración dos potenciais puntos de partida.

Pola súa banda, Paco Zarzoso (Puerto de Sagunto, 1966), que vén de estrear Arbusht no Teatre Lliure de Barcelona dentro do Festival Grec 2006, traballará cos alumnos os elementos estruturais da obra no segundo dos seminarios, A estrutura dunha peza, que terá lugar en xaneiro de 2007. O último dos talleres, Diálogos. O acabado da peza, desenvolverase do 5 ao 9 de marzo a cargo do dramaturgo, poeta e novelista Abel Neves (Montalegre, 1956), quen porá énfase na estilística, na construción de personaxes, nos diálogos e nas resolucións finais. Os tres obradoiros celebraranse en horario de tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas.

Durante a súa estadía no Centro de Creación Dramática Contemporánea, os participantes escribirán un texto breve que, arrincando no primeiro dos seminarios, tomará forma no segundo e quedará practicamente rematado no terceiro. Para este fin, o dramaturgo residente establecerá un período de seguimento presencial e a distancia dos traballos dos alumnos posterior á celebración de cada un dos talleres. Ao remate do curso, o CDG organizará unhas lecturas dramatizas cunha selección dos textos xurdidos desta experiencia.

Gabinete de Comunicación do Igaem (Xunta de Galicia), 2006-09-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES