
O Consorcio Audiovisual de Galicia organiza os Primeiros Encontros co Cine Galego: Galicia Terra de Cine, onde se avanzarán as previsións cinematográficas. Os produtores presentarán aos medios de comunicación galegos, españois e estranxeiros a obra, xa rematada, en preprodución, produción ou montaxe. Máis de 50 especialistas en cine dos medios de comunicación daranse cita en Compostela para coñecer, da man dos seus responsables, a próxima colleita cinemátografica galega. Esta difusión permitirá axudar na promoción, coñecemento e distribución dos produtos.
Esta actividade, que se celebrará os días 15 e 16 de setembro, forma parte do plan de actuación do Consorcio e pretende consolidarse coma unha cita anual en Galicia para, deste xeito, dar a coñecer a realidade do sector in situ, así como todas as posibilidades técnicas, instalacións, profesionais ou localizacións existentes na comunidade e que non sempre son coñecidas.
Nestes primeiros encontros, o Consorcio contará cun importante elenco de produtores, directores e actores, que acompañarán as respectivas presentacións e concertarán encontros e entrevistas particulares cos medios de comunicación asistentes.
Empresas coma Continental, Filmanova, Filmax, Milou Filmes, Adivina, Formato, Voz Audiovisual, Vaca Films, entre outras, compartirán os seus proxectos cos periodistas destacados de medios como Cadena Ser, TVE, La Vanguardia, El Correo, Variety (UK), Antena 3, El País, La Razón, Screen International, Telam (Arxentina), Film-Dienst (Alemaña), Gamma (Francia), El Mundo, Onda Cero, Fotogramas, Europa Press, Imágenes ou Cine por la Red, ademais dos medios galegos interesados e directores de festivais como os de Málaga, Lleida, Las Palmas, Cineuropa ou Ourense.
Así pois, trátase dunha cita importante do cine galego que pretende contribuir á consolidación do sector audiovisual de Galicia no entorno global. A evolución do sector audiovisual galego nas últimas dúas décadas está a supor que cada vez se fale con máis insistencia do chamado modelo galego baseado na existencia dun marco legal, un concepto comercial e unha estrutura cada vez máis estable. Todo iso é posible grazas ao dinamismo e capacidade dos profesionais do sector e unha importante sensibilidade e apoio dende as administracións públicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.