
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, inaugurou a III Conferencia Mundial do Atún, organizada pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), e que durante dous días reúne en Vigo aos principais axentes do sector atuneiro internacional. Na súa intervención, a titular de Pesca da Xunta anunciou a posta en marcha do plan estratéxico para a industria conserveira, que levará a cabo o Centro Tecnolóxico do Mar en colaboración co sector e a Secretaría General de Pesca Marítima do
Ministerio.
O estudo, de seis meses de duración, ten como obxectivo identificar os
factores claves do sector conserveiro en Galicia, cun horizonte temporal de
cinco anos, o que contribuirá a mellorar a xestión interna das empresas e a
orientación das políticas públicas que afectan de forma máis directa a este
sector. O plan analizará, entre outras cuestións, a situación tecnolóxica
da industria da conserva, a evolución do mercado así como a estrutura da
cadea de valor, identificando áreas de mellora e factores de cambio.
Segundo avanzou Gallego Calvar, con esta iniciativa a Consellería de Pesca
pretende definir, conxuntamente co sector, as grandes liñas estratéxicas
que determinarán a evolución da industria conserveira galega nos vindeiros
anos, co horizonte da próxima entrada en vigor do novo fondo europeo da
pesca. Trátase de identificar as principais liñas de actuación que deberá
seguir o sector para facer máis sólida a súa posición de liderazgo e poder
mantela estreitamente vinculada ao desenvolvemento da economía galega.
Neste sentido, Carmen Gallego lembrou que as conserveiras da nosa
comunidade producen a meirande parte das 250.000 toneladas de atún que
sitúan a España como primeiro produtor europeo de conservas de túnidos e
apuntou que este sector xenera ao redor de 13.000 empregos directos en
comunidades costeiras especialmente dependentes das actividades vinculadas
á pesca.
Por outra banda, a titular de Pesca do Executivo autonómico fixo alusión á
internacionalización que están a sufrir actualmente as conserveiras galegas
e suliñou que ésta non ten por qué ser incompatible co mantemento do
emprego en Galicia. Para Carmen Gallego a internacionalización do sector
pode traducirse en oportunidades de negocio nos mercados exteriores, sempre
e cando saibamos aproveitar as vantaxes competitivas da industria
conserveira galega. Neste eido, a conselleira apostou pola diferenciación
en base á calidade e ao saber facer dos nosos profesionais, aplicados a
unha necesaria estratexia de innovación e de diversificación da produción.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.