
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, explicou aos axentes sociais o alcance da reorientación prevista para a utilización dos fondos comunitarios no próximo periodo presupuestario da Unión Europea, reorientación que se recolle no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia (Mecega), aprobado hoxe polo Consello da Xunta. Á reunión, na que participaron o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o director xeral de Planificación e Fondos Comunitarios, Aureliano García González-Llanos, asistiron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla; o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo Fernández; o secretario de Acción Sindical de CC OO, Xaime López Golpe; e o secretario de Formación e Emprego de UGT-Galicia Domingo Barros Montán
O conselleiro presentou no transcurso da reunión o que será o obxectivo global do Mecega que persegue converxer en termos de crecemento e emprego grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento. Tras repasar o proceso de elaboración do marco, Fernández Antonio indicóu que este documento constitúe o instrumento de planificación a medio e longo prazo dos fondos comunitarios e recolle, en consecuencia, os obxectivos, estratexias e actuación da Xunta de Galicia en materia de fondos estruturais, concretamente, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e Fondo Social Europeo (FSE).
A partires das directrices definidas pola Unión Europea, o Mecega define como grandes obxectivos para Galicia:
1. Impulsar e dinamizar a economía rexional facendo de Galicia un lugar máis atractivo para investir e traballar
2. Incrementar a competitividade do tecido produtivo galego a través do coñecemento e a innovación
3. Aumentar a cohesión social e territorial de Galicia mellorando os niveis de cualificación, a calidade do emprego e a inclusión social
4. Reforzar a sinerxía entre crecemento e desenvolvemento sostible
Plan de Competitividade
Ademais, e en liña coas prioridades e medidas que define o Mecega, o conselleiro de Economía e Facenda e o conselleiro de Traballo propuxeron aos representantes sindicais e empresariais abordar un Plan de Competitividade que teña como obxectivo converxer cara a unha economía baseada no coñecemento, cun alto nivel e calidad do emprego, a través dun crecemento sostible e equilibrado. Neste sentido, o Plan incluiría como eixes o impulso á I+D, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; a mellora das infraestruturas físicas e tecnoloxicas, a mobilidade e o medio ambiente; e a potenciación do capital humano. Deste xeito, e segundo a proposta de Fernández Antonio, o Plan permitiría integrar e potenciar tanto os factores clave do Marco de Converxencia Económica de Galicia (Mecega) como as políticas de dinamización, innovación, formación e emprego impulsadas polo Goberno galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.