Notas de prensa

Unhas 20.000 persoas visitaron a exposición Nazón de Breogán en Santiago de Compostela

A mostra achegarase á cidade da Coruña a finais deste mes de setembro.

A exposición “Nazón de Breogán”, promovida pola Vicepresidencia da Xunta, remata a súa estancia en Santiago de Compostela -na sala de exposicións da Fundación Caixa Galicia, na compostelán Rúa do Vilar-, onde recibiu a visita de preto de 20.000 persoas. A mostra permaneceu en Santiago dende o pasado 27 de xuño, día da súa inauguración, ata hoxe domingo, día 10 de setembro. A exposición trasladarase agora ata a cidade da Coruña, onde se inaugurará no Museo de Belas Artes a finais deste mes de setembro.

Tras permanecer na Coruña durante outubro e novembro, a exposición “Nazón de Breogán” continuará o seu periplo polas sete grandes cidades de Galiza: no mes de decembro estará en Ourense -no Centro Cultural da Deputación-, en xaneiro e febreiro estará en Vigo, en Pontevedra permanecerá no Pazo da Cultura durante o mes de marzo, e finalmente, en xuño irá ata as cidades de Ferrol e Lugo. A finalidade é que a mostra poida ser visitada e coñecida polo maior número posible de cidadáns, algo que se conseguiu con éxito en Santiago.

Segunda versión

O éxito que tivo a mostra en Santiago fixo que a Vicepresidencia da Xunta decidira organizar un novo programa itinerante da mostra, a maiores da ruta prevista polas sete principais cidades. É unha versión máis reducida que pretende que todos os cidadáns, vivan onde vivan, poidan coñecer a mostra sen ter que achegarse ás sete grandes capitais. Esta exposición está composta por versións en tamaño reducido de todas as pezas que compoñen “Nazón de Breogán”, para que así poidan ter cabida e adaptarse aos distintos centros culturais de vilas e pobos de toda Galiza. Polo momento, esta segunda mostra pasou polos municipios de Cervo e Cerdido e mañá mesmo comezará a súa andaina en Arzúa.

O departamento que dirixe Anxo Quintana remitiu a todos os concellos galegos unha invitación formal a través da cal se lles ofreceu a posibilidade de acoller nos seus espazos culturais esta mostra durante un período determinado. Polo momento, son moitos os concellos que xa responderon afirmativamente a este ofrecemento, co que está garantida a itinerancia da mostra durante toda a lexislatura.

Outra das novidades previstas ao abeiro da mostra “Nazón de Breogán” é a distribución en colexios e institutos durante o vindeiro curso dun catálogo e de carteis das pezas que compoñen a exposición. Esta iniciativa permitirá que os escolares galegos afonden na historia de Galiza nos seus propios centros de estudo.

Historia de Galiza

“Nazón de Breogán” fai un percorrido pola historia do país dende as súas orixes ata o ano 1936, con motivo da conmemoración do 70 aniversario da celebración do plebiscito do Estatuto de 1936. No decurso do acto de inauguración da mostra, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou que “Nazón de Breogán” axudará a entender de onde vimos e a definir mellor cara onde queremos avanzar. Ademais, sinalou que a mostra quere render unha homenaxe a todos aqueles galeguistas que traballaron polo autogoberno de Galiza. Outro dos obxectivos da colección é achegar ao espectador á nosa especificidade histórica e identitaria, reforzando o seu sentido de pertenza a unha comunidade singular.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES