
A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar inaugurou en Vilagarcía de Arousa a II Feira Internacional de Acuicultura, Acui 2006. A titular de Pesca da Xunta salientou a importancia desta mostra na súa segunda edición, ao calificala como referente sectorial para coñocer os últimos avances e as tendencias que están marcando a evolución da actividade acuícola no ámbito internacional.
No seu discurso, Gallego Calvar augurou un gran éxito nesta convocatoria da feira, que abriu as súas portas cun notable incremento de expositores e empresas participantes respecto á edición pasada. Segundo apuntou a conselleira, esta boa resposta de participación responde ao traballo realizado pola organización nos últimos meses e reflexa, moi especialmente, o liderazgo internacional de Galicia na produción de mexillón e rodaballo e no desenvolvemento de novas especies como o ollomol.
Neste contexto, Gallego Calvar valorou unha vez máis a incorporación do sector acuícola galego á organización da exposición, xa que suporá o impulso definitivo para convertir esta feira nun grande centro de negocios para o sector, unha plataforma de intercambio de coñecementos e experiencias e un referente internacional do desenvolvemento da acuicultura. Neste senso, lembrou o compromiso que ten a administración pesqueira galega na potenciación de Acui como instrumento para a proxección internacional das nosas empresas e como foro onde abordar os retos que se lle plantexan ao sector neste momento.
O apoio da Consellería de Pesca a esta feira enmárcase dentro da decidida aposta da Xunta polo desenvolvemento sostible do sector da acuicultura no litoral galego, no que se pretende compatibilizar a actividade empresarial e a conservación da natureza. Segundo explicou Gallego Calvar, este ano o executivo autonómico incrementou nun 123% o presuposto destinado ao desenvolvemento da actividade acuícola, superando así os 61 millóns de euros. Ademais, o Goberno da Xunta está activando instrumentos que contribúen a reforzar a capacidade tecnolóxica, financeira e comercial das empresas do sector.
Pola súa banda, o departamento que dirixe Carmen Gallego traballa a reo para fomentar a investigación aplicada no ámbito da acuicultura e o trasvase de coñecemento entre o sector e os centros de investigación. De feito, o persoal dos centros dependentes da Consellería levan a cabo proxectos sobre novas especies de cultivo de peixes, así como investigacións sobre patoloxías, reprodución e nutrición de peixes e moluscos. Asemade, a conselleira fixo fincapé no importante esforzo que o seu equipo está levando a cabo na investigación de toxinas e lembrou que se está poñendo en marcha unha acción estratéxica, dotada con máis dun millón de euros, no marco do Plan Galego de I+D+i. Esta acción estará coordinada polo Centro de Investigacións Mariñas e o Centro Tecnolóxico do Mar.
Aposta pola modernización da comercialización
Durante o acto inaugural de Acui 2006, a conselleira de Pesca quixo lembrar a necesidade de fortalecer algunhas das importantes vantaxes competitivas do sector, como son a flexibilidade e a capacidade de adaptación da produción á evolución do mercado. Neste senso, dende a Consellería se están a impulsar iniciativas para a modernización das canles de comercialización, o desenvolvemento de novas presentacións e a promoción de novos produtos en mercados exteriores. Entre estas actuacións, se encontra a campaña de promoción do mexillón, presentada o pasado mes de xullo, así como o convenio que asinarán Pesca e o Consello Regulador do Mexillón para impulsar a consolidación da D.O.P. deste produto.
Percorrido pola feira
Tras o discurso de inauguración, Carmen Gallego fixo un percorrido polos expositores da feira, entre os que se atopa o stand institucional da Consellería de Pesca, de 100 metros cadrados. Neste espazo os visitantes poderán obter información sobre as actividades do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, a nova campaña de promoción do mexillón galego e as novidades sobre o Congreso Internacional de Acuicultura, que se celebra o vindeiro ano na nosa comunidade. Asimesmo, no marco da feira, Pesca desenvolverá seminarios técnicos sobre investigación en acuicultura mariña e ofrecerá degustacións de produtos do mar como o mexillón, o linguado, o abadexo ou o ollomol.
Nesta segunda edición da Feira Internacional de Acuicultura, o departamento que dirixe Gallego Calvar destinou un total de 100.000 euros, cuantía que, tal e como anunciou a conselleira fai uns días, será revisada ano tras ano.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.