
O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca o programa Doc´s Galicia 06 en base á cal se confeccionará un catálogo que inclúa os mellores documentais para a súa promoción nos eventos máis importantes deste xénero. O programa inclúese no marco do Plan de promoción dos documentais galegos. Deste xeito, continuase a traballar no Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego para intentar aumentar o peso económico das producións galegas no exterior.
O anuncio desta resolución sae publicado no número 172 do Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de outubro de 2006.
Un comité de expertos será o encargado de seleccionar, valorando a súa proxección internacional, os documentais en base á súa calidade, ao interese da temática e ao seu tratamento. O catálogo final estará conformado por un máximo de catro producións realizadas entre o 1 de abril 2005 e o 31 de xullo de 2006.
A difusión realizarase nos foros especializados de prensa, distribución, produción, exhibición e calquera outro relacionado e/ou interesado no documental e, como no caso do programa Curtas, contémplase a inscrición das producións seleccionadas nos mercados e festivais máis relevantes deste xénero.
Este ano o Consorcio Audiovisual de Galicia acudiu por primeira vez ao Sunny Side of the Doc, un dos mercados máis importantes no que a documentais se refire. Alí, tivo a oportunidade de dar a coñecer o futuro lanzamento do Docs Galicia 06, ademais de promocionar Galicia como lugar de rodaxes de documentais. O Consorcio asistiu cun stand propio no que tamén estiveron dúas compañías galegas, Ficción Producciones e Isabella Audiovisual, para manter entrevistas con distribuidoras e canles de TV e colocar os seus produtos no mercado.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.