Notas de prensa

Vicepresidencia reúne en Melide a máis de 6.000 persoas na III Festa do programa Lecer para os Nosos Maiores

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asistiu ao encontro e lembrou que na festa “os protagonistas son os maiores”.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asistiu en Melide á terceira festa do programa Lecer para os nosos maiores, organizado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Quintana manifestou a súa satisfacción pola gran acollida que tivo esta xuntanza que, ao igual que as xa celebradas no Carballiño e en Vilalba, congregan a un gran número de maiores procedentes de toda Galiza.

Máis de 6.000 persoas asistiron á xuntanza de maiores de Melide, que se celebrou na área recreativa do río Furelos. Os participantes chegaron ata o lugar en máis dun cento de autobuses, así como en coches particulares. A delegación provincial da Vicepresidencia na Coruña coordinou un amplo dispositivo de persoas para a celebración deste encontro, que se organiza en colaboración co concello, Cruz Vermella, Protección Civil, Garda Civil e Policía Local. Medio cento de persoas dependentes da Vicepresidencia traballaron en labores de organización neste encontro, aos que hai que sumar os efectivos que aportan todos os organismos colaboradores.

Lecer e servizos

O vicepresidente da Xunta achegouse ata a área recreativa de Furelos para coñecer de primeira man o desenvolvemento da xuntanza e saudar aos participantes. Alí, lembrou que nesta xornada “os protagonistas son os maiores” e subliñou a importante deste tipo de iniciativas coas que se ofrece unha gran oferta de lecer para os maiores. Segundo explicou Anxo Quintana, dado o éxito das tres xuntanzas que se celebraron ata o de agora e debido á petición dos centros sociais de toda Galiza, estase a estudar aumentar o número de festas nos vindeiros anos, coa finalidade de achegalas ao maior número posible de persoas, iso si, “sen renunciar ao intercambio e para que a xente poida coñecerse en distintos puntos do país”.

Quintana recoñeceu a importancia de ofrecer aos maiores actividades de lecer, pero fixo fincapé na necesidade de traballar noutros eidos importantes para este colectivo, como son os servizos sociais. O vicepresidente pediulle ao Goberno central un “esforzo” para mellorar o nivel de prestacións dos maiores galegos, xa que son os que teñen as pensións máis baixas de todo o Estado. Ademais, apuntou á necesidade de incrementar a cobertura de prazas públicas de residencias, unha herdanza do anterior goberno “de clara deficiencia”. Segundo explicou Anxo Quintana, o Plan Xerontolóxico indica que debe haber unha media de 3,5 prazas en residencias públicas por cada cen habitantes, mentres que en Galiza esta cifra non chega ao 2,8 por cento. Para inverter esta situación a Vicepresidencia da Xunta puxo en marcha o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, a través do cal se promove a creación dunha completa rede pública de asistencia aos maiores.

NotaNesta liña, Anxo Quintana destacou que o obxectivo da Xunta “non é confinar aos maiores en residencias”, senón procurar que, os que así o queiran, poidan estar o máximo tempo posible nos seus fogares e no seu contorno. Para isto, o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar prevé a posta en marcha dunha rede de centros de día e a creación dun completo sistema de servizos asistenciais nas vivendas en colaboración cos concellos, como son os programas de xantar a domicilio, lavandería ou transporte adaptado, entre outros. Segundo apuntou Quintana, entre 2006 e 2007 a Vicepresidencia abrirá 60 novos centros de día en toda Galiza.

O vicepresidente da Xunta, que subiu ao palco para saudar e dirixirse a todo o público congregado no lugar, animou aos maiores a gozar da xornada e a participar activamente en todas as actividades programadas especialmente para eles.

Programa

Ás dez da mañá chegaron os autobuses e vehículos particulares procedentes de toda a provincia e doutros lugares de Galicia, ao recinto da área recreativa de Furelos. Media hora despois o popular presentador de televisión, Superpiñeiro, foi o encargado da lectura do pregón e da animación da festa ao longo de toda a xornada. A partir das once da mañá desenvolvéronse actuacións da Agrupación Folclórica Castelo, e dos grupos Axóuxere, Os Melidaos e Froito Novo. A orquestra Montes foi a encargada de amenizar o baile que tivo lugar despois do xantar, no que os asistentes puideron degustar polbo, empanada, churrasco e carne ao caldeiro, ben no recinto da festa ou na vintena de restaurantes da vila que ofreceron menús a prezos económicos. Ademais da música e os pasarrúas, que animaron o xantar dos maiores, hai durante todo o día obradoiros, con demostracións en vivo de oficios tradicionais e xogos populares.

A festa está aberta tamén aos máis pequenos, que puideron disfrutar coa actuación que o Xabarín Club ofreceu polas rúas de Melide. Preténdese deste xeito, favorecer o intercambio interxeracional, unha característica novidosa que a Vicepresidencia quere imprimir a estes encontros. Ademais, a piscina da área recreativa de Furelos permanece tamén aberta durante toda a xornada. O domingo celébrase mercado en Melide, un atractivo máis na celebración desta festa.

Lecer para os nosos maiores

NotaA festa de Melide é a terceira que se organiza este verán dentro do programa Lecer para os Nosos Maiores que organiza a Vicepresidencia da Xunta, despois das do Carballiño e Vilalba. A última terá lugar no mes de setembro en Pontevedra. Trátase dun programa cun investimento global de 200.000 euros (50.000 para cada encontro), que busca converterse nun espazo para fomentar o envellecemento activo dos maiores galegos, un obxectivo que a Vicepresidencia impulsa a través de todas as súas políticas.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-09-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES