Notas de prensa

A Lei de Emerxencias establecerá un modelo de resposta profesional e permanente en Galicia

Segundo explicou no Parlamento o conselleiro de Presidencia esta norma “ordenará un sistema integrado de Protección Civil e Emerxencias que definirá o papel dos axentes implicados e as competencias das administracións”.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, compareceu na Comisión 1ª do Parlamento para dar conta do operativo desenvolvido polo seu departamento durante a crise dos incendios así como das medidas que se están a tomar para mellorar o dispositivo de emerxencias de Galicia a través da aprobación da Lei de Emerxencias.

Lei de Emerxencias

O conselleiro de Presidencia explicou que a pasada vaga de incendios puxo de manifesto a necesidade da futura Lei de Emerxencias incluída no programa do Goberno, que está rematada e a expensas de distintas consultas técnicas. O obxectivo desta norma vai ser mellorar os tempos de resposta “xa que cos actuais 777 profesionais contra incendios e salvamento e os 22 parques comarcais de Galicia, unha parte importante da poboación galega ten un tempo de resposta profesional excesivo en comparación con outros territorios do Estado”.

Méndez Romeu xustificou esta demora nos tempos de resposta pola negativa dalgunhas autoridades “a cooperar” co Goberno na súa mellora. Neste sentido, Méndez Romeu respondeu as críticas de que non hai suficientes parques, aseverando que “algúns alcaldes dos concellos galegos néganse por sistema a abrir parques de bombeiros”. Sobre o futuro dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR), o conselleiro explicou que se van manter tal e como recolleu o Pacto Local.

En canto á Lei de Emerxencias, o conselleiro declarou que “ordenará un sistema integrado de Protección Civil e de Emerxencias que defina con claridade o papel dos axentes implicados e as competencias das distintas administracións, e que integre mellor os diferentes dispositivos de resposta urbanos e comarcais, forestais, marítimos, sanitarios, etc.”.

Esta norma, segundo as declaracións do conselleiro, “vai mellorar o funcionamento do mando único que ‘non unificado’, entendido como un procedemento de coordinación sempre mellorable e que vai garantir tempos de resposta homoxéneos en todas as circunstancias e en toda Galicia”. Asemade, establecerá un modelo de resposta profesional e permanente en Galicia. Actualmente, explicou Romeu, estase a debater cos implicados se a base do procedemento será provincial como ata agora, comarcal como se fixo xa en algunha provincia, ou territorial para toda Galicia.

Esta estrutura profesional deberá levar consigo, engadiu o conselleiro, unha ampliación do servizo de resposta as incidencias dos cidadáns, que elabore os plans territoriais e os plans especiais e coopere coas diferentes administracións.

Xestión da crise

Durante a comparecencia, José Luis Méndez Romeu deu conta tamén da xestión da crise. O conselleiro explicou que durante a vaga de incendios se estableceu o criterio de mando único que asumiu o presidente da Xunta de Galicia. Emilio Pérez Touriño situouse deste xeito á fronte dunha comisión de coordinación na que participaron de xeito habitual os principais responsables dos colectivos directamente implicados das consellerías afectadas, das Forzas Armadas, da Guardia Civil e do Goberno central. à marxe desta comisión, explicou Méndez Romeu, existían os dispositivos previstos no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia.

Romeu expuxo como ademais ao pouco de iniciarse a situación máis crítica, o Goberno de España implicouse directamente cunha xuntanza dos máximos responsables dos operativos do Goberno central e autonómico presidida polo presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero. Durante esta sesión, lembrou Méndez, acadáronse algúns compromisos de futuro, como a permanencia de todos os efectivos militares e policiais ata final da actual temporada de risco de incendios en outubro e o incremento do número de medios aéreos que estiveron presentes durante a vaga de incendios.

O conselleiro tamén advertiu que durante a crise se crearon por primeira vez Centros de Coordinación Operativa (CECOPI) nos que participaron os responsables en cada provincia dos operativos participantes. Estes centros seguiron as instrucións da Dirección Xeral de Montes no operativo de extinción e da Dirección Xeral de Protección Civil no operativo de coordinación.

A xestión da crise completouse coa “cooperación extraordinaria” en palabras do conselleiro dos equipos profesionais contra incendios e de salvamento das grandes cidades de Galicia e a coas agrupacións de voluntarios de toda Galicia. Ademais, dos medios mobilizados pola Dirección Xeral de Protección Civil do Estado que chegaron dende outras comunidades autónomas e os medios da Unión Europea.

“Esta situación de coordinación, de implicación -aseverou Romeu- non tiña precedentes en Galicia e diante doutras circunstancias que poden ter un nivel de maior ou menor catástrofe na vida cotiá non se producira un nivel semellante de resposta organizada”.

Cooperación dos concellos

En canto á cooperación dos concellos, o conselleiro cualificou de “extraordinaria” a cooperación que as administracións implicadas ofreceron á Xunta de Galicia xa fose por propia iniciativa ou en canto foron contactadas. En palabras do conselleiro, “é o mandato ético dos cargos públicos expresar o recoñecemento do Goberno de Galicia dos alcaldes de toda a Comunidade Autónoma”. Deste xeito, agradeceu o labor dos rexedores das grandes cidades porque “proporcionaron medios de extraordinario valor, medios profesionais equipamento especializado que foi decisivos nalgunhas actuacións”.

Asemade, agradeceu aos mandatarios dos medianos e pequenos concellos porque estiveron “permanentemente a pe de lume, dirixindo e coordinando os efectivos dispoñibles, exercendo as funcións que as leis lles atribúen pero tamén mobilizando e organizando á poboación e aos voluntarios”. Por último, puxo de manifesto o valor “extraordinario” da actuación dos operativos desprazados desde outras comunidades autónomas, das distintas policías e das forzas armadas.

Transmisión de datos

Méndez Romeu fixo tamén referencia á transparencia informativa do Goberno autonómico xa que os datos dos incendios e das actuacións de todo tipo que estaban a disposición da Administración “foron postos en coñecemento da sociedade galega en tempo real e en todo momento”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-09-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES