Notas de prensa

O presidente da Xunta compromete a posta en marcha dun sistema de indemnizacións e axudas aos afectados polos incendios

Emilio Pérez Touriño dirixiu unha mensaxe á cidadanía galega ante a vaga de lumes que está a afectar a Galicia.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, dirixiu unha mensaxe á cidadanía galega con motivo da vaga de lumes que está a afectar o país na que agradeceu a “resposta exemplar” dada polos galegos ante os incendios e a súa “demostración de entrega, determinación e coraxe fronte á catástrofe”. A súa determinación, sostivo, constitúe a mellor panca para impulsar Galicia cara ao futuro. O presidente gabou o labor desenvolvido por todas as persoas que forman parte do dispositivo contra incendios e a súa “loita sen tregua e moitas veces ata a extenuación”. E tivo unha especial lembranza para as catro persoas falecidas por mor do lume: a súa, dixo, é “unha perda irreparable”, polo que trasladou ás familias das vítimas “palabras de alento e apoio”.

No decurso da mensaxe, o máximo mandatario galego sinalou que o país viviu nos últimos dez días “unha situación de extrema gravidade” debido a unha vaga de lumes “de proporcións descoñecidas no pasado”, atribuíble en boa medida “a mans criminais”, que puxeron en risco vidas, casas e patrimonios familiares.

Fronte a este “desafío”, o presidente salientou a resposta da cidadanía, que ofreceu unha “lección de unidade” fronte a adversidade”. “Un prezado embrión que debe abrir o camiño dun gran acordo nacional contra o lume, capaz de manterse á marxe de disputas e confrontacións políticas”, aseverou Touriño quen tivo palabras de alento e agradecemento para todos os efectivos que desempeñan tarefas de vixilancia e protección “e investigan e levan diante da Xustiza aos autores deste atentado contra o patrimonio de todos”.

O xefe do Executivo galego incidiu en que dende que asumiu o mando das operacións, na mañá do domingo día 6, se puido constatar que moitos dos incendios “presentaban características singulares”. Así, explicou que o “andazo incendiario” se concentraba en zonas costeiras moi habitadas, cunha poboación altamente diseminada; nas beiras das principais vías de comunicación e nos arredores das grandes cidades, nacendo, asemade, gran parte dos focos moi preto das vivendas e dos núcleos de poboación.

Todo iso, agregou, revela unha “nova tipoloxía, certificada polos expertos que traballaban sobre o terreo” que amosa que Galicia se atopa “diante dunha vaga incendiaria cun elevado grao de intencionalidade e clara vontade delituosa”. “Os autores deses incendios “estratéxicos” sabían o que facían e as consecuencias do que facían. A súa intención era crear o maior nivel de alarma social e de dano posible”, manifestou.

Ante as “dificultades operativas” para facerlles fronte, adoptáronse dúas decisións: solicitar de inmediato axuda ao Estado para labores de extinción, vixilancia e protección e demandar a posta en marcha de unidades especializadas da Garda Civil para investigar e frear a actividade dos incendiarios. A resposta do Executivo central foi inmediata e xa o luns axentes e medios estatais combatían as lapas, no que foi o “xermolo” dunha “inxente forza de choque” sen precedentes composta hoxe por máis de 8.000 bombeiros, axentes e soldados, 895 vehículos e 65 avións e helicópteros, e cuxo reforzo no eido da investigación e persecución de incendiarios permitiu acadar unha trintena de detidos.

Neste punto, o presidente expresou ante a cidadanía catro firmes compromisos. En primeiro lugar, anunciou que o dispositivo antiincendios permanecerá activo e en alerta mentres persistan as excepcionais circunstancias destes días, motivo polo cal esta mañá solicitou ao presidente do Goberno de España que manteña en Galicia todos os efectivos civís e militares durante o verán. “Aínda que a situación semella controlada e amainou o lume, non podemos descoidar a garda nin conceder unha tregua a quen, con aleivosía e moitas veces con nocturnidade, atentan contra o patrimonio de todos os galegos”.

En segundo lugar, adiantou que a Xunta iniciará en canto remate o acoso incendiario as actuacións e proxectos necesarios para recuperar as zonas devastadas polas lapas, en “estreita colaboración” co Executivo central e cos alcaldes dos concellos afectados. En terceiro, comprometeu a posta en marcha dun sistema de indemnizacións e axudas que, trala avaliación dos danos, permita a recuperación económica das zonas e sectores de actividade afectados. Ademais, o presidente demandará do Goberno central a promulgación dun decreto lei que estableza o marco, contía e condicións das axudas.

Finalmente, manifestou o compromiso de “atacar as raíces máis profundas” do problema, estreitamente vencelladas ao tradicional aproveitamento do solo e a unha deficiente organización do territorio. “Trátase dunha batalla de longo alcance, na que están implicadas as políticas forestais, de protección da paisaxe e de racionalidade urbanística, que só será posible gañar a través do consenso entre todos aqueles –sociedade civil e forzas políticas– que antepoñen Galicia aos intereses particulares ou de grupo”, expresou.

“Os cidadáns de Galicia deron estes días exemplo de como un pobo, forxado tamén nas adversidades da historia, é quen de enfrontarse e superar as probas máis duras. Esa determinación que observei nos ollos das mulleres e dos homes que combatían o lume, estou seguro, constitúe a mellor panca para impulsarnos cara ao futuro”, concluíu.

MENSAXE INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA:

Acabamos de pasar, durante os últimos dez días, por unha situación de extrema gravidade. Unha vaga de lumes de proporcións descoñecidas no pasado, provocada en boa medida por mans criminais, arrasou ducias de miles de hectáreas do noso monte, puxo en serio risco vidas, casas e patrimonios familiares, e suscitou un desafío sen precedentes á sociedade galega e ás súas institucións.

Cómpre dicir que a resposta da cidadanía a ese desafío foi exemplar. En todo momento soubo sobrepoñerse á lóxica indignación e, con ánimo sereno, ofreceu unha demostración de entrega, determinación e coraxe fronte á catástrofe. Esa lección de unidade motivada pola adversidade constitúe o froito máis valioso que recollemos nestes días de angustia. Un prezado embrión que debe abrir o camiño a un gran acordo nacional contra o lume, capaz de manterse á marxe de disputas e confrontacións políticas.

Tamén, en nome de todos vostedes, debo expresar o recoñecemento e gratitude a quen, sen tregua e moitas veces ata a extenuación, combateron e combaten o lume, desempeñan tarefas de vixilancia e protección, e investigan e levan diante da Xustiza aos autores deste atentado contra o patrimonio de todos.

Debo igualmente expresar o sentimento, que comparten todos os galegos de ben, pola perda irreparable de catro vidas humanas durante a batalla contra o lume. Ãs familias das vítimas quero trasladarlles, en nome de toda Galicia, palabras de alento e de apoio.

Desde o primeiro momento en que asumín o mando das operacións, na mañá do domingo día 6, constatamos que moitos dos incendios presentaban características singulares, distintas ás dos lumes endémicos que, por diversas causas estruturais, padecemos desde hai anos.

O andazo incendiario concentrábase en zonas costeiras moi habitadas, cunha poboación altamente diseminada; nas beiras das principais vías de comunicación que articulan a franxa costeira e nos arredores das grandes cidades. Unha gran porcentaxe dos focos de lume, que se multiplicaban sen xustificación natural, nacían moi preto das vivendas e dos núcleos de poboación.

Esa nova tipoloxía, certificada polos expertos que traballaban sobre o terreo, amosa ben ás claras que nos atopamos diante dunha vaga incendiaria cun elevado grao de intencionalidade e clara vontade delituosa. As posteriores investigacións demostran, sen lugar a dúbidas, que os autores deses incendios “estratéxicos” sabían o que facían e as consecuencias do que facían. A súa intención era crear o maior nivel de alarma social e de dano posible.

As novas características dos incendios suscitaban, así mesmo, notables dificultades operativas para facerlles fronte. Unha parte dos efectivos dos servizos de extinción tiveron que ser ocupados na protección dos núcleos ameazados, ao tomarmos a decisión de dar absoluta prioridade á defensa das vivendas e dos seus moradores.

Unha vez coñecida a magnitude do diagnóstico, agravado polas altas temperaturas, a baixa humidade e o forte vento no nordés, axiña se tomaron, por parte do Goberno que presido, que xa tiña despregados todos os medios da comunidade autónoma, dúas decisións determinantes. En primeiro termo, solicitar de inmediato axuda ao Estado para labores de extinción, vixilancia e protección, e, en segundo lugar, demandar a posta en marcha de unidades especializadas da Garda Civil para investigar e frear a actividade dos pirómanos.

A resposta do Goberno de España e do seu presidente, Rodríguez Zapatero, con quen estiven diariamente en permanente contacto, non se fixo agardar. O mesmo luns, día 7, antes incluso da petición formal que implicaba declarar o nivel 2, axentes e medios de titularidade estatal combatían as lapas a carón dos servizos autonómicos. Ese foi o xermolo dunha inxente forza de choque, sen precedentes en ningunha comunidade autónoma, composta a día de hoxe por máis de 8.000 bombeiros, axentes e soldados, 895 vehículos diversos e 65 avións e helicópteros. Un impresionante despregue de medios proporcionado á dimensión do problema.

Tamén no eido da investigación a reacción foi inmediata. O mesmo domingo, día 6, o Ministerio do Interior atribuíu ao Equipo contra o Crime Organizado a misión, case que exclusiva, de seguirlles o rastro aos pirómanos, e reforzou os servizos de intelixencia con cinco inspectores de elite. Os froitos desa decisión saltan á vista: a día de hoxe hai unha trintena de detidos, algúns deles foron descubertos en plena acción delituosa e moitos xa están a disposición xudicial.

Queridos concidadáns:

Porque sei que Galicia conquistará o futuro, aínda que se interpoñan no seu camiño dificultades naturais e infames sabotaxes, quero rematar esta mensaxe coa expresión de catro firmes compromisos que adquiro diante de todos vostedes. Coa responsabilidade que no seu día me outorgaron e coa mesma decisión que me levou a coller o temón da nave nestas duras circunstancias, doulles a miña palabra –a mellor sinatura da que dispoñen os galegos– de que non aforrarei esforzos ata cumprir todos e cada un deses compromisos.

Comprométome a manter activo e en estado de alerta todo o dispositivo de loita contra os incendios mentres persistan as excepcionais circunstancias que nos tocou vivir. Esta mesma mañá pedinlle ao presidente do Goberno de España que manteña en Galicia todos os efectivos civís e militares durante o verán.

Aínda que a situación semella controlada e amainou o lume, non podemos descoidar a garda nin conceder unha tregua a quen, con aleivosía e moitas veces con nocturnidade, atentan contra o patrimonio de todos os galegos. Somos conscientes de que a mellora conseguida por tanto esforzo compartido aínda é precaria. Sabemos que a catástrofe pode repetirse mentres non logremos erradicar as raíces de carácter estrutural que alimentan aos delincuentes do lume.

Comprométome a iniciar decontado, en canto remate o acoso incendiario, as actuacións e proxectos necesarios para recuperar as zonas devastadas polas lapas. En estreita colaboración co Goberno de España e cos alcaldes dos concellos afectados, acometeremos con carácter de urxencia a recuperación e rehabilitación do patrimonio estragado polo lume.

Comprométome a poñer en marcha, nas próximas semanas, un sistema de indemnizacións e axudas que, logo da precisa avaliación dos danos, permita a recuperación económica das zonas e sectores de actividade afectados. No mesmo sentido, demandarei do Goberno de España a promulgación dun decreto lei que estableza o marco, a contía e as condicións das axudas.

Comprométome, finalmente, en nome do Goberno que presido, a atacar as raíces máis profundas do problema, estreitamente vencelladas ao tradicional aproveitamento do solo e a unha deficiente organización do territorio. Trátase esta dunha batalla de longo alcance, na que están implicadas as políticas forestais, de protección da paisaxe e de racionalidade urbanística, que só será posible gañar a través do consenso entre todos aqueles –sociedade civil e forzas políticas– que antepoñen Galicia aos intereses particulares ou de grupo. Esta tarefa implicará ademais mellorar o dispositivo de prevención ante as emerxencias e o operativo de extinción.

Os cidadáns de Galicia deron estes días exemplo de como un pobo, forxado tamén nas adversidades da historia, é quen de enfrontarse e superar as probas máis duras. Esa determinación que observei nos ollos das mulleres e dos homes que combatían o lume, estou seguro, constitúe a mellor panca para impulsarnos cara ao futuro.

Moitas grazas, e ánimo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-08-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (carteiro-ximaraos-cdg.jpg) Marcelino de Santiago 'Kukas' e Isabel Rey interpretan esta historia cos seus bonecos, e son tamén responsables do deseño e e indumentaria dos monicreques xunto a Amelia Poyato, quen se encarga ademais da iluminación. A escenografía e os audiovisuais están concibidos por Maite Dubois. Xosé Lois Romero asina a composición musical e o espazo sonoro foi creado por Noemi Pardo, que colabora tamén nas voces gravadas. O carteiro de Ximaraos presenta unha historia que mestura maxistralmente realidade e fantasía para abordar dúas temáticas de gran relevancia: o impacto emocional do mal de alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal como fío condutor das relacións humanas.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) O 27 de maio de 2005, a Xunta de Galicia convertíase na primeira administración pública de España que empregaba a sinatura electrónica para rubricar un documento cunha entidade externa. Ese día, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríquez Yuste, e representantes das empresas Communitel, R Cable y Telecomunicaciones Galicia e Telefónica, asinaban electronicamente un convenio de colaboración para a promoción do acceso empresarial á sociedade da información, converténdoo no primeiro documento asinado dixitalmente entre unha administración pública e entidades externas con todas as garantías de seguridade e autenticidade.

Notas

Aínda que os estudos climatolóxicos soen pór o seu foco no pasado máis próximo, no presente e nas proxeccións de futuro, a análise da variabilidade climática ao longo dos séculos tamén é de interese para a comunidade científica en canto revela como as forzas ambientais moldearon a sociedade e axuda a contextualizar as tendencias climáticas modernas e as proxeccións futuras. Con esta perspectiva de traballo, un equipo liderado desde o grupo de investigación da UVigo EPhysLab.
A enerxía solar orgánica perfílase como un interesante complemento ás tecnoloxías fotovoltaicas convencionais. Fronte aos paneis solares de silicio, as células solares orgánicas fabrícanse con materiais plásticos e, por tanto, son lixeiras, flexibles e potencialmente máis sostibles. En concreto, estes dispositivos dependen de polímeros semicondutores cuxo rendemento está estreitamente ligado á súa estrutura molecular interna.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES