
A Academia Galega do Audiovisual une a súa voz á de toda a cidadanía galega en defensa da terra, da natureza e da vida, e en contra do inconcibible crime que estamos a padecer.
A nosa é unha voz de ánimo ós que están loitando por apagar o lume e de conforto ós que sufren as consecuencias máis directas e irreparables dos incendios. Oxalá se identifique e deteña ós culpables; oxalá sexamos quen colectivamente de atopar solucións que rematen con esta enfermidade crónica do noso país.
O audiovisual galego é voz e imaxe dunha sociedade; oxalá poidamos contribuír desde a nosa función a que teña fin esta terrible historia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.