
O sábado 12 de agosto ten lugar no Porriño o V CAMPIONATO DE DIK TRACK, XACOB AGRA organizado polo motoclub Papaya en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello do Porriño. A cita é no velódromo municipal de Pontellas ás nove da tarde.
O campionato, o único destas características que se celebra en Galicia, contará cunha nutrida participación de pilotos procedentes de diferentes puntos do estado. Entre outros, a organización destaca a participación dos cataláns Dani Jovet, Mikel García, Leandro Casas, o mundialista de Enduro Aaron Bernardez ou os dous galegos que este ano participaron no París Dakar: Xacob Agra e Francisco Gómez.
Unha das novidades que presenta esta V edición do campionato é que tamén inclúe competicións nas categorías infantil e xuvenil.
Como en anos anteriores, as entradas terán prezos populares para que todo o mundo poida presenciar o espectáculo dos auténticos gladiadores do óvalo, segundo palabras de Quin Agra, presidente do Motoclub Papaya e un dos máximos responsables do evento.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes e Asuntos Sociais, Josefa Sío, agradece á organización o esforzo realizado para que un ano máis O Porriño siga a ser un referente estatal nesta modalidade deportiva e anima a todos os porriñeses e porriñesas a achegarse ao campionato.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.