Os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do Medio Rural e de Traballo asinaron un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), polo que se destinan 1.624.000 euros para a actuación en emerxencias e tarefas de protección civil e prevención e extinción de incendios forestais.
Con esta achega financiarase o funcionamento da estructura estable e profesionalizada dos Grumir, conformada por 3 dos quince membros de cada grupo de intervención rápida. A este importe regulado neste convenio- haberá que sumar a achega da consellería de Traballo, de máis de 9 millóns de euros, que financia a través de programas de emprego os outros doce membros voluntarios- que integran a estructura renovable.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, lembrou que no Pacto Local, asinado a comezos de ano, se establece que antes do 2008 se pactará unha fórmula que permita estabilizar no futuro os servizos que se prestan a través dos Grumir. Unha vez asinado este acordo, iniciaremos o traballo para ver cal debe ser a fórmula futura que posibilite o financiamento, a estabilidade, ou a creación dun mecanismo que garanta que ese servizo poida seguir funcionando, superando esta fase de convenios anuais que sempre introducen un risco de temporalidade e de conflictividade, adiantou.
Labor altamente valorado
Pola súa banda, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela Sánchez, subliñou que o labor destes grupos de intervención rápida está altamente valorado polos concellos debido á súa alta utilidade, xa que cando se require a súa intervención son unhas unidades que resolven problemas que, de non estar eles aí, serían graves, e coincidiu co titular de Presidencia ao sinalar que o reto para o futuro é darlles estabilidade aos 61 Grumir existentes en Galicia.
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, declarou que en moitas ocasións, a nivel municipal, os membros destes grupos cumpren un papel fundamental no traballo e na loita contra os incendios forestais, ao incorporarse de forma moi eficaz e eficiente ao dispositivo de extinción de incendios. O titular do Medio Rural sinalou que o papel do departamento que dirixe, con competencias en materias forestais, se incardina en completar un traballo que xa se facía no pasado de contribuír ao financiamento destes grupos municipais de intervención rápida.
Funcionamento e financiamento
O texto do acordo firmado regula as condicións do réxime de funcionamento e financiamento da sección estable e profesionalizado do Grupo. Así, este ano a Consellería de Presidencia e a de Medio Rural contribuirán cun importe total de 1.624.000 euros, dos que a Consellería de Presidencia achegará 424.000 euros e a de Medio Rural os 1.200.000 euros restantes.
Pola súa banda, a contribución dos concellos realizarase directamente aos traballadores contratados en cada entidade, con cargo aos seus respectivos orzamentos, na contía que lle corresponda. Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro.
En 2004 asinouse un convenio anterior entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para consolidar unha estructura estable, sobre a base dos Grumir existentes en 63 concellos, que permitise a prestación dos concellos galegos de servizos de protección civil, protección de medio ambiente, e salvagarda das persoas e do patrimonio público, entre outros. Este acordo, ao que se adheriron 50 concellos, establecía a prórroga das actuacións para os vindeiros anos. No convenio asinado hoxe regúlanse determinadas condicións no réxime de funcionamento e financiamento para o ano 2006, manténdose vixente todo o demais.
No convenio subscrito esta mañá reflíctese que a comisión mixta e paritaria para o seguimento e coordinación das accións previstas neste convenio deberá velar polo cumprimento do convenio, solicitando ao remate do exercicio 2006 á Fegamp un informe técnico correspondente sobre o grao de cumprimento dos obxectivos programados, e relación detallada dos pagos efectuados por cada concello, correspondentes a 2006
Os Grumir realizan funcións establecidas nos Plans de Protección Civil de Galicia, como intervencións en incendios forestais, en situacións derivadas de riscos naturais e tecnolóxicos, e noutras que impliquen perigo para as persoas, os seus bens ou o medio ambiente. Tamén colaboran cos concellos en distintos eidos, como os culturais, educativos, deportivos, de servizos sociais e de sanidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.