
O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE abriron a convocatoria para o Curso de Dobraxe en grao de Perfeccionamento, que ten lugar do 5 ao 28 de setembro. Trátase dun curso dirixido principalmente a actores e actrices que teñan coñecementos no eido da dobraxe e que queiran afondar no estudo de distintos aspectos que interveñen no proceso, coa fidelidade ao orixinal como camiño para acadar unha boa calidade.
Neste curso, eminentemente práctico, os asistentes partirán dun repaso pormenorizado do traballo en sala e mediante unha avaliación individual, atallaranse as dificultades que cada un dos participantes presente no desenvolvemento desta técnica. O curso constará de dous módulos: 80 horas de técnica de dobraxe e 10 horas de voz, repartidos ao longo do curso, segundo as necesidades detectadas polo titor.
O titor deste curso será Luis Iglesia Besteiro, actor con experiencia no teatro, TV e cine, e que dende o ano 1987 traballa como actor e director de dobraxe, impartindo ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución. O obradoiro contará tamén con Marta Pinillos Manrique de Lara, logopeda e foniatra especialista en problemas de voz e as súas complicacións na fala, que impartirá o módulo de voz.
Coa realización deste curso séguese a traballar no Plan de Formación Actoral para o ano 2006, como exitosa continuación do desenvolvido no ano 2005, no marco do cal xa se organizaron varios cursos. Para este ano contémplase tamén a realización de novas edicións de distintos cursos que gozaron de grande aceptación, así como doutros con elevada demanda entre os profesionais do sector. Entre os cursos destacan un curso de voz (que se celebrará no mes de setembro) un curso de iniciación á dobraxe (en outubro) e un curso de inglés audiovisual (en novembro).
Para o desenvolvemento deste plan, Consorcio e Fundación asinaron un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ámbalas dúas partes, de tódolos cursos e obradoiros contemplados no mesmo e que serán organizados conxuntamente. Con este plan o Consorcio completa as súas accións formativas de cara ao sector actoral galego. Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), ou no teléfono 981.545.063.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.