O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou unha serie de actuacións orientadas a acadar unha xustiza galega áxil e de calidade, para o que o Goberno vén traballando arreo, indicou. Pérez Touriño situou no primeiro plano das prioridades o principio de atención adecuada ao cidadán, con especial preocupación polas vítimas dos delitos. Así o salientou esta mañá en Lalín, onde inaugurou o novo edificio dos Xulgados.
Entre a lista de actuacións a desenvolver polo Executivo galego atópase, segundo relatou Touriño, axilizar o funcionamento das oficinas xudiciais e a mellora da calidade do seu servizo. Por outra banda, o titular do Goberno indicou que se garantirá unha asignación equitativa dos recursos públicos destinados á xustiza nos distintos órganos e ámbitos territoriais e se dotará á sociedade de sistemas de avaliación do servizo público de xustiza. Neste sentido, o presidente anunciou que se impulsará a modernización tecnolóxica da Administración de Xustiza, aumentando o uso e entendemento das TIC e o desenvolvemento da administración electrónica.
Outra das medidas anunciadas por Touriño ten que ver con potenciar a utilización do idioma galego en todos os órganos e actuacións dos xulgados, tribunais, fiscalías e servizos xudiciais da Comunidade galega. Neste sentido, o mandatario autonómico felicitou aos xuíces do municipio pontevedrés que veñen de ser galardoados co Premio Peña Novo pola utilización do galego no ámbito da xustiza.
Por último, dentro destas actuacións enunciadas polo presidente galego está a dignificación das condicións de traballo dos empregados públicos de xustiza, coa introdución de sistemas que estimulen a súa motivación e responsabilidade, que incentiven a súa formación a súa ampliación na introdución de sistemas de mellora da calidade, en definitiva, que fomenten unha función pública máis cualificada e moderna, sinalou.
Inauguración do Xulgado de Lalín
Na súa intervención, o titular da Xunta tamén salientou que o novo edificio dos Xulgados de Lalín permitirá exercer a función xurisdicional coa dignidade que lle corresponde, incrementando ao máximo os parámetros de axilidade e calidade no eido da Administración de xustiza de Galicia. Touriño considerou que o novo edificio suporá unha notable mellora da Administración de xustiza de Lalín, no seu partido xudicial e polo tanto engadiu-, no noso país.
O xefe do Executivo galego explicou, ademais, que os partidos xudiciais son a unidade de demarcación territorial do poder xudicial que , caracterizados pola súa independencia, deben ofrecer a todas as persoas unha tutela xudicial efectiva no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos.
As instalacións
Tal e como explicou o presidente e puido comprobar tras facer un percorrido polo xulgado, o edificio conta cunha superficie total construída de 2.660 metros cadrados, na que se fixo un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e que ven de corrixir as graves deficiencias da administracións nesta comarca. Touriño salientou que o resultado foi un espazo físico que permitirá exercer dignamente a función xurisdicional, cunha mellor atención aos cidadáns e profesionais que acoden ás súas dependencias, e tamén con máis comodidades para os propios traballadores.
É un edificio propio da xustiza do século XXI, totalmente informatizado pensado e equipado coas máis modernas tecnoloxías para que todos os cidadáns usuarios da xustiza poidan ser servidos coa máxima axilidade e calidade aseverou o presidente da Xunta. Por último, incidiu en que se trata dun edificio polivalente por permitir a súa adaptación as necesidades derivadas tanto do novo modelo de oficina xudicial como dos previsibles crecementos futuros por dispor, ademais das dependencias necesarias para acoller aos actuais xulgados, dunha planta máis suficiente para albergar, chegado caso, outro xulgado de nova creación.
Na súa visita á capital do Deza o presidente galego estivo acompañado polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, así como polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza José Luis Méndez Romeu; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio Nieto; e o fiscal xefe do Tribunal superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela García.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.