
O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, José Ramón Fernández Antonio, destacou en Pontevedra a necesidade de que Galicia dispoña dunha autonomía financeira que permita determinar o volume e composición dos ingresos en base a unha maior cesión de tributos e dunha maior capacidade normativa sobre estes. Fernández Antonio salientou tamén a importancia da suficiencia financeira como principio básico para o exercicio do autogoberno en Galicia e engadiu que, na determinación das necesidades de gasto deben considerarse os factores diferenciais de custe, como son en Galicia o avellentamento e a dispersión da poboación. O titular de Economía do Goberno Galego participou esta mañá en Pontevedra, xunto co conseller dEconomia i Finances da Generalitat de Catalunya, Antoni Castells i Oliveres, na mesa redonda O financiamento do Estado das Autonomías á vista das reformas estatutarias: problemas e solucións, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).
O conselleiro de Economía e Facenda falou das importantes carencias do actual sistema de financiamento autonómico, como son a infravaloración das necesidades de gasto e a baixa autonomía financeira. Neste sentido, Fernández Antonio subliñou que o sistema vixente presenta problemas de suficiencia e de baixa autonomía financeira. Existe una asimetría entre os niveis de gastos das comunidades autónomas e a súa capacidade en canto a ingresos, explicou.
Suficiencia financeira
Segundo o conselleiro e Economía, a finalidade do sistema de financiamento debe consistir en asegurar a todos os cidadáns o mesmo nivel de servizos públicos autonómicos que, a igualdade de esforzo fiscal, debe proporcionar un nivel homoxéneo na prestación e calidade de ditos servizos. Fernández Antonio considera que o sistema de financiamento debe proporcionar os recursos financeiros suficientes para atender os gastos, e o punto de partida debe ser a estimación das necesidades de gasto. Tras mostrarse de acordo co criterio de poboación para determinar o volume de recursos, Fernández Antonio explicou que as características da mesma inciden tamén en factores de custe diferenciais para a prestación de servizos públicos. No caso de Galicia, segundo subliñou, destacan factores como o avellentamento de poboación e a súa dispersión xeográfica que, afirmou, elevan o custe da prestación dalgúns dos servizos básicos.
Autonomía financeira
Para o responsable de finanzas da Xunta de Galicia, existe un problema de desequilibrio entre a capacidade de decisión autonómica de gastos e ingresos. Por esta razón, entre as medidas a tomar, o conselleiro citou o incremento da cesión tributaria e a revisión do Fondo de Suficiencia. Este Fondo, segundo explicou, debe incluír un mecanismo de corrección vinculado á diferente evolución dos recursos provenientes deste, por unha parte, e ás necesidades de gasto, pola outra.
Unha vez establecidos os recursos mínimos que o Estado debe garantir ás Comunidades Autónomas, a Facenda Autonómica debe dispoñer de capacidade normativa necesaria para exercer a súa autonomía financeira. Para Fernández Antonio, sería desexable contar coa fase minorista do IVE, basicamente cunha parte do IVE repercutido aos consumidores finais, no marco da normativa europea e da tributación harmonizada.
Potenciar o FCI
O conselleiro de Economía falou ademais da necesidade de potenciar o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) como instrumento de política de cohesión. Fernández Antonio referiuse tamén a que o papel protagonista na xestión dos fondos estruturais debe corresponderlle ás Comunidades Autónomas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.