Notas de prensa

Pérez Touriño destaca que o Goberno galego quere converter Galicia nun país de retorno a través de medidas de apoio á xente nova

O presidente autonómico recibiu no Parque Natural de Corrubedo aos mozos e mozas de orixe galega que están a participar no programa ‘Descubre a túa orixe’.

“Desde o Goberno autonómico estamos traballando na dirección de que Galicia que sempre foi unha terra de emigración, sexa un lugar de retorno para que só marche da comunidade aquel que quere marchar porque quere mellorar os seus estudos ou porque quere formarse e cualificarse para logo retornar”. Así o asegurou en Corrubedo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ante os mozos e mozas de orixe galega que están a participar no programa Descubre a túa orixe, nun acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez; e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela.

Pérez Touriño sinalou “que queremos unha Galicia que poña fin á lacra secular da emigración e queremos ser un país de retorno”, remarcou o titular do Goberno autonómico. Por iso, para lograr este obxectivo, o Goberno galego está a pór en marcha un conxunto de iniciativas dirixidas á xente nova.

Pérez Touriño referiuse en concreto á liña de axudas para cursar estudos universitarios e de posgrao en universidades galegas, que conta cun orzamento para este ano de 320.000 euros. Trátase, segundo explicou Touriño, de ofrecer aos galegos no exterior a posibilidade de obter unha titulación no sistema universitario galego para poder desenvolver o seu labor tanto en Galicia coma no seu país de residencia e fomentar a formación especializada das persoas con estudos universitarios. As contías das axudas acadarán un máximo de 5.900 euros anuais para cursar estudos universitarios e de 7.500 para o caso de estudos de posgrao.

Decálogo de actuacións e Plan de I+D

Na mesma liña, o presidente da Xunta sinalou que xa está en marcha o Plan Galego de I+D, que inclúe unha dotación específica de 240 millóns de euros coa que “pretendemos duplicar en cinco anos o número de investigadores que temos en Galicia”. Pérez Touriño explicou que gran parte deses investigadores será preciso traelos de fóra e que o obxectivo último é pasar dos 5.000 investigadores cos que conta Galicia actualmente a 10.000 no período de cinco anos.

Así mesmo, destacou que existe un decálogo de actuacións urxentes, posto en marcha pola Xunta e dotado con 124 millóns de euros, para loitar contra o desemprego xuvenil e conseguir que a xente desocupada poida obter unha cualificación e formación.

Importancia da Emigración

NotaNa súa intervención ante os mozos descendentes de galegos, o presidente da Xunta lembrou a importancia que ten para a Comunidade galega a emigración, sinalando que forma parte da identidade de Galicia. “Galicia non sería nada sen a emigración, sen os vosos familiares, que un día cruzaron o océano buscando unha vida mellor”, dixo Touriño. Por iso emprazou aos beneficiarios de Coñece a túa orixe a non esquecer nunca ese acto “de xenerosidade e risco” que realizaron os seus familiares.

Pérez Touriño dixo aos rapaces que Galicia mantén con eles “unha débeda histórica”, unha débeda que a Xunta “está en disposición de asumir permanentemente” a través dun esforzo de solidariedade e cooperación mutua.

Protección do medio natural

Na recepción ofrecida aos mozos participantes no programa Descubre a túa orixe, que tivo lugar no propio complexo dunar de Corrubedo, o presidente galego tivo a oportunidade de explicarlles a aposta que está a facer o Goberno que preside pola preservación dos recursos naturais.

Emilio Pérez Touriño afondou na necesidade de realizar un desenvolvemento estudado para que a comunidade medre mellor e ordenadamente, e para facer compatibles a creación de emprego e o coidado ao medio natural. O presidente salientou ademais que o 13% da superficie de Galicia son espazos protexidos e que dispón dun parque nacional, o das Illas Atlánticas, e 6 parques naturais, ademais doutros paraxes incluídos na Rede Natura.

Descubre a túa orixe

O programa Descubre a túa orixe é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Emigración, que destina a este fin arredor de 400.000 euros, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, que aporta uns 65.000. Neste programa, do que se está a desenvolver a primeira fase, participarán un total de 315 mozos e mozas de orixe galega, con idades comprendidas entre os 14 e os 15 anos, que se desenvolverá en dúas fases ao longo deste mes de xullo.

Os mozos proceden de distintas comunidades autónomas españolas e fundamentalmente de países de Sudamérica, como Arxentina, Brasil, Chile, México, Perú, Uruguai e Venezuela. Con esta iniciativa a Xunta trata de conseguir que a mocidade de orixe galega, criada na súa herdanza cultural pero residente fóra de Galicia, redescubra a súa terra a través da súa convivencia con mozos residentes en Galicia da súa mesma idade, desenvolvendo actividades de animación sociocultural e deportivas e integrándose durante este tempo na vida cultural da Galicia actual.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES