Notas de prensa

A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle 228 funcións a cargo de 75 compañías durante o 2º sementre de 2006

Os ciclos específicos Redesons Jazz, Redesons Clásica e Rededanza sumaranse á programación escénico-musical deste circuíto que promove o IGAEM.

Un total de 75 compañías e intérpretes protagoniza a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios neste segundo semestre do ano, durante o que se celebran 228 funcións de teatro, música, danza e maxia en diferentes
escenarios dos 45 concellos e entidades que conforman este circuíto de distribución que promove o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte.

Por xéneros, a Rede acolle un total de 207 funcións teatrais dentro dun cartel no que figura a meirande parte dos espectáculos que exhiben na actualidade as compañías profesionais galegas, así como 17 concertos de música, 3 actuacións de danza e 6 de maxia.

Ademais destas funcións, o circuíto conta tamén con ciclos específicos dedicados á
música (Redesons Jazz e Redesons Clásica) e á danza (Rededanza), cuns carteis que
nestes momentos están a ser definidos polos programadores dos concellos e entidades participantes. No caso dos ciclos de música, os cachés dos grupos son asumidos ao 50% polo IGAEM e cada un dos concellos, mentres que en Rededanza o Instituto encárgase do 60% e os concellos do 40% restante, xunto cos custos de infraestrutura técnica.

PROCESO DE REFORMA

Ao tempo que se desenvolve esta programación, mantense aberto o proceso de reforma da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no que se está contando coa interlocución e participación directa dos diferentes sectores implicados na procura do fortalecemento deste circuíto como principal elemento de distribución das producións escénicas e musicais galegas. Neste sentido, a Comisión Técnica de Reforma –integrada por representantes do IGAEM, das distintas asociacións escénicas e programadores de Cultura municipais– redactou un borrador coas súas propostas cara a un novo sistema de funcionamento da Rede, que comezará a aplicarse en xaneiro de 2007, e que está agora en proceso de información e participación por parte dos concellos e entidades integrantes.

O obxectivo prioritario deste proceso de reforma é que a Rede incida directamente na creación dun mercado dinámico do teatro, a música e a danza, empregando a fórmula dunha "rede de espazos", cunha imaxe de marca clara e referencial para os públicos, e na que se desenvolvan as diferentes programacións específicas –teatro, danza, música, maxia...-, con orzamentos diferenciados para cada unha delas.

Na actualidade, forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios medio cento de espazos xestionados por un total de 45 concellos e entidades. Por provincias, A Coruña conta con 20 integrantes (concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Carballo, Cariño, Cedeira, Cee, Culleredo, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Sada e San Sadurniño), Lugo con 7 (Lugo, Burela, Foz, Monforte, Ribadeo, Vilalba e Viveiro), Ourense con 3 (Padroado do Teatro Principal de Ourense e concellos do Barco de Valdeorras e O Carballiño) e Vigo con 15 (Centro Cultural Caixanova de Vigo e concellos de Vigo, Pontevedra, Cambados, Cangas, A Estrada, Gondomar, Lalín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa).

Igaem (Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia), 2006-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES