Notas de prensa

O Igaem convoca o IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia con cinco distincións e 11.500 euros en premios

O 17 de setembro remata o prazo para a recepción de propostas, que haberán de terse estreado ao longo de 2006.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais da Consellería de Cultura e Deporte vén de convocar o IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia, concurso pioneiro na nosa Comunidade para a difusión da danza moderna e contemporánea, que conta nesta edición cunha dotación económica de até 11.500 € en premios para un máximo de cinco distincións. Dirixido a todos os coreógrafos e coreógrafas, calquera de sexa a súa nacionalidade, o certame organízase como plataforma de exhibición de novas creacións co obxectivo de incentivar a actividade profesional neste sector artístico, así como a investigación, a innovación e as postas en escena imaxinativas.

Os interesados teñen até o próximo 17 de setembro para facer chegar as súas coreografías ao IGAEM, conformes ao formato e demais documentación que se esixe nas bases xerais do certame. Así, por exemplo, as obras haberán de ser orixinais, interpretadas por un elenco de 3 a 6 bailaríns/inas e estreadas ao longo de 2006.

Un xurado integrado por profesionais da danza, tras visionar e avaliar todas as propostas, realizará unha preselección de candidatos aos premios, que haberán de executar o seu traballo sobre o escenario do Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 25 de novembro, día no que se darán a coñecer os gañadores. O xurado baseará a súa decisión final en criterios como a orixinalidade, a capacidade de invención, a innovación e risco das propostas, o manexo da linguaxe coreográfica e a utilización do espazo escénico e dos seus elementos.

PRIMEIRO PREMIO DE 4.000 EUROS

Suman até un máximo de cinco as distincións que pode outorgar este IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia. Así, o primeiro premio está dotado con 4.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que a obra gañadora se exhiba dentro da programación española de coreografías galardoadas que promove a Federación de Asociaciones de Profesionales de la Danza.

As bases establecen, así mesmo, galardóns para as dúas seguintes coreografías finalistas (2.500 euros para a segunda clasificada e 2.000 euros para a terceira). Hai ademais un cuarto premio de 1.500 euros ó bailarín ou bailarina destacado, así como a posibilidade de conceder a maiores algunha outra mención especial por outros 1.500 euros.

ANTERIORES GALARDOADOS

O IGAEM fundou o Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003, ano no que resultaron gañadores Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz coa obra Alento ; e Bárbara Monteagudo con Era. Dolores Mayán recibiu unha mención especial do xurado por MIT.

Na segunda edición, correspondente ó 2004, os primeiros postos foron para Eva Bertomeu coa obra Femme. Mujer en tres colores (1º premio), Dolores Mayán con Quid est mulier? (2º premio) e Mercedes Suárez con O calar do tempo (3º premio). Miguel A. Ponte, integrante da compañía Druída Danza, foi recoñecido como bailarín máis destacado e o xurado concedeu unha mención especial para o traballo de Rafael Linares e a súa obra Completo.

Miguel Azcúe coa coreografía Desierto adxudicouse o primeiro premio do certame de 2004, en tanto que o resto de galardoados foron Damián Muñoz e Experimenta Danza con Meltemi (2º premio) e Maruxa Salas con Didenoi (3º premio). O pasado ano o xurado decidira outorgar unha mención especial á coruñesa Mercedes Suárez por O anxo exterminador, e recoñeceu á ourensá Maruxa Salas como a intérprete máis destacada.

Gabinete de Comunicación do Igaem (Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia), 2006-07-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES