
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asistiu á inauguración dun monumento para homenaxear a Castelao en Intxaurrondo, San Sebastián. A Casa de Galicia en Guipúscoa, que cumpre 75 anos de existencia, é a promotora deste proxecto, que se materializou hoxe coa asistencia das principais autoridades vascas, encabezadas polo lehendakari, Juan José Ibarretxe. Tamén asistiron o alcalde de San Sebastián, Odón Elorza, o presidente da Casa de Galicia en Guipúscoa, Xosé Ramón Varela, e Carlos Sixirei, en representación da Secretaría Xeral de Emigración, ademais de numeroso público.
Durante o acto descubriuse o monumento, o perfil do mapa de Galicia realizado en pedra e no que se practicou o baleiro que representa á autocaricatura de Castelao. A peza, realizada en granito, ten unha altura de 2,20 metros por 2 metros de ancho, e foi realizada por Xosé Antonio Vilaboa. A suscrición popular financiou o proxecto. Está situada no Parque de Castelao, no barrio de Intxaurrondo Sur de San Sebastián.
No acto de inauguración, a secretaria xeral de Política Lingüística referiuse ás estreitas relacións que mantivo Castelao con persoeiros distinguidos do País Vasco no exilio, onde galegos e vascos desenvolvían un activo labor divulgador da súa cultura e do seu pensamento para manter viva e puxante a lingua e a cultura dun pobo que na súa propia terra se vía forzado á marxinación.
Aquí, en Euskadi, está tamén parte da Galicia que en tantos lugares do mundo axudou a construír o país, indicou Marisol López, que valorou a defensa da nosa identidade e das nosas palabras realizada polos galegos da emigración. Esa é a continuidade que podemos darlle á obra e á entrega de persoas que dende a emigración construíron antano a nosa cultura, dende o coñecemento e o respecto dos pobos que os acolleron, concluíu.
Pola súa banda, o lehendakari vasco, Juan José Ibarretxe, aludiu á figura de Castelao como un exemplo de loita polos valores dun pobo, que empeñou a súa vida en insuflarlles aos galegos a aspiración por seren eles mesmos. Referiuse á Alba de Gloria do político rianxeiro para engadir que as súas bases ideolóxicas seguen vixentes hoxendía e cualificou a celebración de hoxe coma unha homenaxe do pobo vasco ao pobo galego.
Ademais do descubrimento da escultura, durante o acto celebrouse un aurresku de honor e fíxoselle unha ofrenda floral ao político e escritor rianxeiro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.