Notas de prensa

O CPXG considera entreguista por parte da Xunta de Galicia a concesión das licencias de TDT aos grandes grupos españois de comunicación

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), organismo de dereito público que agrupa ao oitenta por cento dos profesionais da información e da comunicación de Galicia, a través do Observatorio Galego dos Medios (OM), quere facerlle chegar á opinión pública galega a súa alarma e a súa denuncia contra o que está sendo un constante deterioro do noso patrimonio comunicacional, ao que veñen contribuíndo de maneira tan directa como irresponsable os sucesivos gobernos, instrumentalizando as competencias estatutarias a prol dun sistema mediático que, en troques de representar á Galicia socioloxica e ideoloxicamente diversa, reduce o seu pluralismo e incrementa a súa dependencia de grupos foráneos, alleos polo tanto a canto debera singularizar e afortalar, empresarial e culturalmente, o espazo galego de comunicación

A concesión de emisoras locais de TV dixital terrestre que vén de facer a Xunta constitúe un paso decisivo nese proceso de progresiva colonización dese espazo en xeral, e neste caso concreto, do sistema audiovisual que lle é básico.

A resultas do sucedido, queremos facer constar o seguinte:

1. A radio e TV dixitais introducían no país unha ocasión de ouro para reequilibrar o espazo galego de comunicación, actualmente hipotecado polas concesións de emisoras de radio analóxicas que os sucesivos gobernos galegos puxeron maioritariamente nas mans das grandes cadeas que teñen a súa base operativa en Madrid.

2. Denunciamos por iso no seu día a convocatoria das licencias dixitais que fixo o goberno de Fraga Iribarne a escasa datas das últimas eleccións autonómicas, esixindo daquela que fose revocada, rexeitando en todo caso que unha Xunta en funcións decidise as concesións previstas. Non foi así. Pola contra, unha decisión politica e moralmente rexeitable coma esa serviu para que unha das dúas licencias de TV dixital de ámbito autonómico
fose parar a unha empresa ideoloxicamente afín, Popular TV-COPE,
controlada pola Conferencia Episcopal española, en detrimento dun pool de empresas de comunicación galegas.

3. Manifestámonos a prol de que a nova Xunta aceptase o recurso que as empresas marxinadas presentaron contra esa concesión, confiando en que os gobernantes do cambio cumprisen o que prometeran durante a campaña electoral: poñeren en marcha os procedimentos político-administrativos que argumentasen e xustificasen a nulidade radical do acordo do Consello da
Xunta do 22 de xullo do 2005. Empezando xa que logo de cero, sen hipotecas previas. Pero tampouco foi así. A Xunta ignorou durante este seu primeiro ano o recurso, e nunca decideu revisar esa adxudicación, pese a que se tiñan detectado irregularidades e infracións normativas no informe técnico que avaliara a concesión outorgada por un goberno en funcións.

4. Confiabamos, pese a todo, en que o goberno bipartito non abordase as restantes concesións da TDT sen antes ter creado o Consello do Audiovisual de Galicia, o organismo que debera asumir entre outras competencias a de facer unha proposta vinculante de reparto das novas licencias audiovisuais, tal e como reivindicamos antes e despois das pasadas eleccións, e tal como tanto o PSdeG como o BNG asumiran nos seus respectivos programas, quedando implicitamente recoñecido así no programa de goberno. Ese Consello do Audiovisual, que habería de ter garantida a súa independencia partidaria, asumiría esa competencia, desgubernamentalizando todo o proceso.

5. A concesión de 46 licencias de emisoras locais de TV dixital terrestre o pasado día 6 de xullo botou definitivamente pola borda todos eses obxectivos, ligados única e exclusivamente á necesidade e ao dereito que ten o noso país de autogobernarse tamén no ámbito estratéxico da comunicación, o que comporta manter a capacidade de decisión liberada de ataduras que poñan en risco o pluralismo e o carácter de servizo público esencial dos medios, así como afortalar o seu tecido industrial para facelo empresarial, tecnolóxica e culturalmente competitivo no mundo
globalizado.

6. Só pode ser calificada de entreguista a decisión que, aínda sen contar co apoio e o consenso do socio nacionalista, adoptou a Presidencia da Xunta ao incrementar o poderío mediático dos grandes grupos españois de comunicación que veñen operando en Galicia, concedéndolles a parte máis apetitosa das licencias locais de TDT, aquelas que lles garanten o control audiovisual maioritario nas cidades e grandes áreas metropolitanas. Isto
que xa é grave de por sí, pois que fai inevitable de facto a capacidade de certos operadores españois para monopolizar o ámbito audiovisual galego no futuro inmediato, éo moito máis aínda por responder esa preferencia a un criterio de afinidade ideolóxico-partidaria que sirva na práctica para reducir o pluralismo e para amagar as xa de por sí escasas marxes de
socialización que teñen a nosa cultura e a nosa lingua.

7. É condenable, ademais, porque ao facelo así, a Xunta marxinou
iniciativas empresariais de capital galego, algunhas das cales contan xa desde hai anos con estruturas, equipos profesionais e emisión local en continuidade.

8. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a través do
Observatorio Galego dos Medios, manterán unha vixilancia extrema sobre o proceso que agora se abre para a posta en funcionamento de todas e cada unha das emisoras de TDT, comprometéndose a denunciar ante a opinión pública galega e ante as instancias xurídico-administrativas pertinentes calquera incumprimento das bases (produción propia nun 60% da programación, da que a metade debe emitirse en galego, lingua que ha de ser utilizada de xeito usual, e creación de postos de traballo, entre outros) que eran requisito imprescindible para que os demandantes, galegos e foráneos, puidesen acceder ás licencias ofertadas. Asímesmo, demandan do goberno bipartito o cumprimento estricto dos seus compromisos programáticos en materia de comunicación. Entre eles, o da creación do Consello do Audiovisual antes de que se faga pública a convocatoria de novas licencias radiofónicas, analóxicas e/ou dixitais, delegando nel a competencia das adxudicacións.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2006-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES