Notas de prensa

O Consorcio Audiovisual de galicia destinará 21.000 euros para a organización de actividades no eido da formación audiovisual

Así o establece o convenio de colaboración asinado entre o Consorcio Audiovisual e a Fundación Carlos Casares.

O secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado García, e o vicepresidente da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares Berg, firmaron un convenio de colaboración que fará posible a realización de diversas actividades relacionadas co desenvolvemento audiovisual en Galicia. Esta colaboración, pla que o Consorcio Audiovisual aportará 21.000 euros, permitirá levar a cabo unhas xornadas sobre o cine e a lingua galega na que participarán persoas vinculadas ao mundo audiovisual e ao eido da defensa da lingua galega.

Fernando Salgado salientou o prestixio da Fundación Carlos Casares na súa “xa longa traxectoria de acción cultural e máis como xeradora de debates no marco da cultura galega”, e isto, afirmou, é “a mellor garantía para promover a sinatura dun convenio que permita, entre outras cousas, garantir a continuidade do curso de verán centrado nas numerosas variantes do audiovisual, que desde 2004 celebra anualmente a Fundación en Celanova”.

Este curso de verán sobre medios audiovisuais e unhas xornadas sobre lingua galega e cine son algunhas das obrigas que establece o convenio de colaboración para a Fundación Carlos Casares. O curso, que comeza hoxe, leva como título Documental: imaxinar a realidade. O presidente do Consorcio Audiovisual destacou que este nome “non pode ser máis suxerinte, ao tempo que oportuno”, e salientou o rexurdir que está a vivir o xénero documental, un xénero que “permite chegar desde o particular ao universal”.

Con motivo deste evento tamén se realizarán proxeccións públicas na praza Maior de Celanova coa finalidade de xerar un interese social pola actividade audiovisual. Por outra parte tamén se levará a cabo unha xornada sobre lingua galega e cine na área de influencia de Vigo co obxectivo de “analizar con rigor a realidade e expectativas desta importante inquedanza social e política”, segundo manifestou Fernando Salgado.

Prioridade ás actividades formativas

O presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia referiuse ao sector audiovisual coma un “sector estratéxico económico e cultural para este país”, e sinalou que “a consolidación da Sociedade da Información e do Coñecemento pasa tamén por iniciativas formativas deste tipo, nas que cualificados especialistas transmiten o seu saber ao colectivo cidadán en xeral e ao universitario en particular”.

“O Consorcio Audiovisual de Galicia dá prioridade á área formativa como un dos chanzos que a sociedade galega debe superar para encarrilar a normalidade no eido dunha comunicación globalizada na que a materia audiovisual é fundamental”, indicou Salgado. O Consorcio comprométese así a promover a máxima difusión destas actividades a través dos medios dos que dispón.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES