Notas de prensa

O CIS Galicia desenvolve co apoio do Igape un sistema de vixiancia tecnolóxica para Pemes

O Proxecto Vixía ofrece información estratéxica a empresas que necesitan estar permanentemente informadas sobre o que ocorre no seu entorno.

Hai dez anos houbo laboratorios fotográficos que non investiron nin tempo nin cartos en estudar que investigaban os demais, seguiron cos rolos de película e en pouco tempo a revolución dixital tomoulles a dianteira. A súa desgraza por falta de previsión pode aplicarse a calquera contorno que non coide estes detalles e non se preocupe de realizar unha vixilancia tecnolóxica. E se as grandes empresas son vulnerables, o risco amplifícase para as firmas de menor tamaño. Situacións semellantes son as que pretende evitar o proxecto Vixía, desenvolvido polo CIS Galicia co apoio do Igape.

Non se trata de espiar nin de copiar, senón de indagar no publicado ou patentado, de estar atentos ao que xorde, ao que fan os que compiten e innovan nunha mesma área, obter información, procesala para que axude na toma de decisións, na planificación empresarial. Realizar esa tarefa con ferramentas mal adaptadas convértese nun proceso lento e parcial. A maiores, tras recoller a información é preciso analizala e poñela ao servizo da empresa, converter esa vixilancia tecnolóxica en intelixencia competitiva. Trátase dun labor prácticamente imposible para pemes inmersas no día a día e incapacitadas polo seu tamaño para destinar recursos humanos a estes mesteres. En paliar este déficit traballou durante os últimos sete anos a Unidade de Información Estratéxica do Centro de Innovación e Servizos (CIS), que dende Ferrol lidera o Proxecto Vixia, unha iniciativa de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva, pioneira a nivel estatal, que en Galicia xa aplican desde 2003 un total de 27 pemes. Para desenvolvela contaron co apoio do Igape, que subvencionou o proxecto no marco do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP), cofinanciado polo Ministerio de Industria e o Feder.

Vixia naceu para ofrecer un servizo engadido ás empresas. “Moitas delas necesitan alertas, información sobre lexislación, patentes, sobre competidores e os seus prezos, liñas de distribución, alianzas e fusións...”, advirte Rosa Freire Corzo, responsable da Unidade de Información Estratéxica do CIS Galicia. “Pensamos que era factible montar un sistema nunha plataforma web para facelo máis accesible e que cada empresa puidese entrar nela a de forma individualizada a través de Internet”, lembra. O enxeño superou diversas fases de desenvolvemento ata que os seus creadores determinaron que era necesario crear un sistema que non só permitise a captura automatizada da información senón que tamén a analizase e tratase de acordo coas necesidades concretas de cada empresa. “Lanzámonos a buscar un software específico e o suficientemente flexible para adaptalo ás nosas necesidades. Atopamos varios, pero o mellor facíase en Galicia”, explica Rosa Freire. Toparon con Denodo Technologies, unha empresa xurdida en torno ao grupo de investigación de Angel Viña, catedrático da Facultade de Informática da Coruña.

Á colaboración de Denodo sumouse a de Ferroatlántica I+D, que tras avaliar as vantaxes de Vixía traballou na súa difusión ao asumir labores de consultoría a aquelas empresas interesadas en entrar no proxecto. “Todos se esforzaron, pero a achega do Igape resultou vital porque nos proporcionou máis do 60% do financiamento. Neles atopamos toda a compresión posible”, valora Rosa Freire.

Implantación do proxecto

Recabados todos os apoios tan só faltaba chegar ás empresas a través dun plan piloto de implantación do proxecto. Foron 27 as firmas seleccionadas, entre elas Helionova (solucións de fornezo enerxético), Intaf (construción e reparación mecánica), Grupo Toysal (recolleita, transporte e xestión de residuos industriais), Allplas (carpintería en aluminio, aceiro inoxidable, PVC ou ferro) ou textiles como Grupo Viriato, Montoto ou D’aquela. A implantación piloto nas 27 empresas elixidas superouse con éxito tras preto dun ano e medio de avaliación.

O reto que se suscita agora é o de que novas pemes e microempresas saquen partido a Vixía. Rosa Freire sabe que non é sinxelo convencelas. Con todo, semella que coñece cal é o camiño para que o proxecto, ata agora desenvolvido en Galicia por pemes de polo menos vinte traballadores, poida chegar ata a empresas de menor tamaño, por outra banda, as que máis abundan: “Esas micropymes poden obter o noso servizo a través de asociacións, clústeres ou institucións de apoio á innovación”. Así o entenden, por exemplo, a Cámara de Comercio de Álava, que pon Vixía a disposición de sesenta adegas da Rioxa Alavesa, a Federación Asturiana de Empresarios, que llo ofrece a os seus asociados ou o Instituto Tecnolóxico de Aragón. Chegar a este tipo de colectivos en Galicia podería ampliar o universo de usuarios na nosa comunidade e redundaría no aumento da sua competitividade e capacidade innovadora.

Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia), 2006-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES