Notas de prensa

O xefe do Executivo galego inaugura a 44ª Feira Internacional de Mostras do Noroeste

Destaca que FIMO é “un bo exemplo” de como o progreso, a innovación e a riqueza son compatibles coa protección medioambiental.

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o Goberno galego está “a piques” de adxudicar a realización dun estudo que dará lugar a un Plan Integral de Desenvolvemento “de longo alcance” que servirá de guía para a posta en marcha “das medidas e accións necesarias para a dinamización económica, a diversificación produtiva, a creación de capital humano e tecnolóxico e a construción de infraestruturas que nos permitan acadar un desenvolvemento integral de Ferrolterra”.

Pérez Touriño fixo este anuncio no transcurso da súa intervención na inauguración oficial da 44ª edición da Feira Internacional de Mostras do Nororeste. O presidente precisou que este Plan Integral de Desenvolvemento “non é unha coartada para a inacción, non é un plan de carteis e baleiro nos orzamentos”.

Tras gabar a traxectoria de FIMO polo seu éxito de “vocación innovadora” e polos beneficios para a disposición urbanística da cidade de Ferrol, Pérez Touriño subliñou que as súas instalacións constitúen “un bo exemplo de como a actividade humana, o progreso, a innovación e a creación de riqueza son compatibles coa protección medioambiental e urbanística dun contorno tan especial e único como o da Ensenada da Malata”. De feito, anunciou que a Xunta estudará “con especial atención” as propostas que se poidan facer para mellorar o contorno e incrementar a capacidade das actuais instalacións.

Con estas palabras o presidente galego introduciu a súa aseveración de que “un novo Ferrol é posible”. “Creo que xa está empezando para Ferrol un novo tempo de prosperidade, que dende o Goberno da Xunta impulsaremos e mimaremos”, dixo. Pérez Touriño manifestou o seu compromiso para “frear o descenso de poboación, xerar emprego e riqueza, para que os nosos fillos poidan vivir e traballar na súa terra non resignados á pobreza, senón na vangarda dunha sociedade formada, consciente e competitiva no ámbito estatal e europeo”.

Froitos do diálogo

NotaSubliñou posteriormente que Ferrol “é hoxe exemplo de diálogo, de colaboración entre as organizacións que configuran e representan á sociedade civil, as súas inquedanzas e intereses e as administracións públicas”. Neste sentido, o presidente lembrou que a semana pasada foi asinado precisamente no recinto de FIMO o convenio de colaboración entre a Xunta e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, integrada polos principais sindicatos, a Cámara de Comercio ferrolá e organizacións empresariais.

Ao seu xuízo, esta aposta polo diálogo “está xa a dar os seus primeiros froitos”, xa que están a piques de resolverse as axudas do Plan Ferrol, ao que presentaron proxectos 70 empresas e 21 entidades e concellos, na meirande parte de Ferrol, Eume e Ortegal. Pérez Touriño destacou que nesta iniciativa merecen “un especial recoñecemento” os emprendedores, os empresarios, “por confiar nas posibilidades desta comarca para encarar o futuro e por expresar da mellor maneira posible o compromiso con esta terra”.

Claves para “un novo tempo” en Ferrol

NotaO presidente da Xunta de Galicia avogou por sustentar “o novo tempo” no que “está entrando” a comarca de Ferrol no abandono dos “tópicos e retóricas elaboradas dentro da linguaxe que empregamos os políticos”; nunha análise completa das súas potencialidades actuais e futuras; un “deseño dialogado” das accións e dos investimentos estratéxicos para afianzar as súas posibilidades de futuro; e, “sobre todo”, dixo, “nun cambio radical nos discursos, un cambio de mentalidade para encarar os retos”. Pérez Touriño considerou fundamental “saír dunha posición pasiva e victimista” cara a unha posición “activa, autorresponsable e comprometida”.

Por iso, destacou que mentres se está a deseñar o Plan Integral de Desenvolvemento a Xunta de Galicia, en colaboración co Goberno estatal e a Deputación Provincial coruñesa, está a traballar en medidas como o establecemento dun marco específico de apoio a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Industrial, o Plan de Dinamización do Produto Turístico da Ría de Ferrol ou o compromiso, os orzamentos e as obras das infraestruturas que a comarca necesita.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES