Notas de prensa

A Noite do Trasno recupera a La Kinky Beat, Quempallou e Soak no V Aniversario

Mozas e Mozos insiste no coidado do espazo natural de Cabo Udra os días 11 e 12 de agosto.

A Noite do Trasno celebrará o seu V Aniversario os días 11 e 12 de agosto cun cartel especial onde se xuntan grupos que xa teñen actuado no Festival e mais novidosas bandas. O voceiro da Asociación Mozas e Mozos de Beluso, Andrés Lamosa, insistiu durante a presentación do evento na importancia de coidar o espazo natural de Cabo Udra, con especial fincapé durante as dúas xornadas de concertos. No acto informativo participaron asociacións da comarca e aficionados ó Festival que asistiron como púbico para amosar o seu apoio a A Noite do Trasno.

Acampada fóra da área protexida

Os organizadores lembran que unha das novidades que incorpora este ano o Festival é que a área de acampada gratuíta se habilitará fóra da Rede Natura 2000, pero a tan só uns minutos a pé da zona de concertos. Mozas e Mozos agarda contar coa colaboración dos campistas para que non monten as tendas no espazo protexido, non só porque axudarán a coidar a natureza e a que A Noite do Trasno poida seguir celebrándose en Cabo Udra, senón tamén porque, do contrario, os particulares enfrontaranse a fortes multas que poden acadar os 6.000 euros.

A nova zona de acampada ubícase na baixada ó Cabo, e estará convintemente sinalizada. Ten dobre acceso, dende o camiño de Udra e incluso dende a Recta do Pión, onde os campistas poderán deixar os seus coches. Estará aberta dende o mesmo venres día 11 de agosto a primeira hora da mañá e permanecerá habilitada ata o domingo 13, no que a zona terá que quedar desocupada e limpa. A organización agradece a colaboración prestada polos veciños do lugar, que cederon desinteresadamente os seus terreos para poderen ser utilizados neses días.

Os Trasnos do Morrazo

As actividades arrincarán en Cabo Udra o venres 11 de agosto con xogos na praia para nenos, a partir das 19.00 horas, para continuar ás 21 horas co balile tradicional dos Trasnos do Morrazo. A parella formada por María e Xián ven de acadar un rotundo éxito no concurso de bailadores organizado polo programa Luar da Televisión de Galicia.

Vellos coñecidos e novidades

Os concertos da noite iniciaranse coa banda local J!T a partir das 22.30 horas. Este grupo do Morrazo propón un estilo achegado ó rock máis clásico, cunha coidada composición e sarcásticas letras cantadas en castelán. O folk tomaralle o relevo da man dos vigueses Travelers.

A Noite do Trasno continúa co plato forte da xornada, La Kinky Beat. A multicultural banda xestada en Barcelona volve ó Festival para celebrar o V Aniversario do evento do que tanto teñen disfrutado nas súas anteriores actuacións.

O ska vigués de Kógito pecha a primeira tanda de concertos antes da sesión Sound System.

A programación segue o sábado 12 de agosto con variados obradoiros e actividades para todos os públicos que se desenvolverán desde as 19.30 horas.

Xa pola noite, súmanse á celebración do V Aniversario dúas bandas que precisamente no 2001 actuaran na primeira edición de A Noite do Trasno e que sempre amosaron o seu apoio á continuidade do Festival. Quempallou abrirá a caixa das sorpresas antes da actuación de Soak & Convidados. O grupo punk do Morrazo recabou a colaboración dalgúns dos músicos máis senlleiros da zona para ofrecer un Concerto Especial V Aniversario que marcará sen dúbida a xornada.

A variedade de músicas non se detén e o rock-ska de Salida Nula fará vibrar ó público de A Noite do Trasno, antes de pechar os concertos co estilo mestizo dos galegos Banda Potemkin, formada por antigos compoñentes de grupos senlleiros da Galiza coma Os Papaqueixos. O Festival rematará cunha nova sesión Sound System.

Semana Cultural para promocionar o medio

Como cada ano, a Asociación Mozas e Mozos de Beluso preparou unha Semana Cultural previa ós dous días de Festival. A intensa axenda de actividades, que comezará o luns día 7 de agosto, terá como temática central a promoción do medio ambiente.

Do luns ó xoves, as praias de Beluso acollerán a partir das 19.00 horas actividades para os máis cativos: obradoiros, maxia, xogosÂ… Ãs 21.00 horas terán lugar as actividades para todos os públicos, que irán dende mesas redondas sobre ecoloxía e charlas sobre desenvolvemento sostible ata danza e proxeccións.

Agradecementos e colaboración

Mozas e Mozos agradece o apoio prestado polo Concello, organizacións de todo tipo, establecementos e veciños a título individual para que o Festival A Noite do Trasno sexa realidade un verán máis no espazo natural de Cabo Udra. A Asociación agarda que esa colaboración se reforce coa compra de material e o consumo na barra, que contará con prezos populares. O colectivo convida ós interesados en participar na organización a pórse en contacto con Mozas e Mozos no teléfono 696 874 392 ou no enderezo asociación@mozasemozos.org.

Toda a información sobre o Festival deste ano e as edicións anteriores estará axiña dispoñible nas webs www.anoitedotrasno.org e www.mozasemozos.org.

Asociación Mozas e Mozos do Beluso, 2006-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES