Notas de prensa

Unha empresa lucense investiga o impacto que exercen os cambios de usos do solo no medio costeiro para establecer medidas correctoras

A finalidade do proxecto de investigación é obter información periódica do estado do litoral e das ameazas e impactos que sufre, a través da teledetección con imaxes de satélite e os Sistemas de Información Xeográfica (SIX).

A empresa lucense Gimena Ingeniería está a desenvolver un proxecto de investigación para analizar a influencia que exerce o medio terrestre no litoral galego. O estudo parte do cambio de usos do solo e da xeración de cartografía dixital no medio costeiro, co obxectivo de conseguir un mapa de sensibilidade do medio costeiro. Este mapa permitiralles averiguar non só cales son as tendencias no cambio de usos do solo, senón tamén prever os impactos asociados a cada un deles. O equipo investigador, dirixido por Eva Salvador e por Ramiro Alvite, subliña a importancia do estudo pondo como exemplo o feito de que unha zona de expansión urbanística podería estar vinculada, en potencialidade, ao esgotamento dos acuíferos e manantiais ou á contaminación por augas residuais urbanas. “Analizando os usos podemos coñecer o estado do litoral, inferir as presións e impactos e, en función disto, establecer medidas correctivas ou respostas”, explican. O proxecto conta coa colaboración do Departamento de Bioloxía animal, bioloxía vexetal i ecoloxía da Universidade da Coruña, e co apoio económico do Plan Galego de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, a través do Programa de Recursos Mariños. Estará rematado a comezos do ano 2008.

O DESENVOLVEMENTO SOCIOECONÓMICO DO EIXO ATLÃNTICO GALEGO

Galiza conta cun dos litorais mellor conservados e alberga as rías, que son hábitats dunha elevada produtividade biolóxica. E isto nun entorno como o eixo atlántico galego, que está a ter nos últimos tempos un desenvolvemento socioeconómico acelerado. Acadar as ferramentas necesarias para xestionar e manter nun estado de conservación favorable do litoral galego é un dos obxectivos dos investigadores de Gimena Ingeniería coa posta en marcha do proxecto.

Para explicar a influencia que exerce o medio terrestre no litoral galego, o investigador Ramiro Alvite parte dun punto de vista hidrolóxico, situando as varcias hidrográficas como protagonistas. “As varcias hidrográficas –explica- actúan coma sumidoiro de toda a auga da parte terrestre que verquen ao mar. Os ríos actúan como elementos de transporte de materiais: nutrintes, solo, contaminantes... e, neste senso, a Directiva Marco da Auga establece a necesidade de estudar a relación existente entre a calidade da auga do mar coas varcias hidrográficas que verquen nun sector marítimo determinado”.

A información cartográfica é a representación gráfica mediante mapas e planos das diferentes capas de información que constitúen o sistema territorial, como as infraestruturas de comunicación, os núcleos de poboación e os límites dos espazos naturais. Aínda que, na actualidade, esta información espacial está a experimentar un desenvolvemento espectacular grazas á expansión da xeomática (técnicas informáticas aplicadas á xeografía), dende Gimena Ingeniería aseguran que, en Galiza, hai unha carencia de información cartográfica no litoral. Unha carencia que califican de “perxudicial para toda a sociedade” porque, segundo explican, “os plans e proxectos de xestión do territorio deberíanse deseñar e executar partindo de datos suficientemente fiables que nos ofrezan unha diagnose o máis próxima posible á realidade”. E afirman tamén que, canta máis e de mellor calidade sexa a información dispoñible, “máis efectivas e menos custosas serán as medidas que poñamos en marcha para mellorar a situación actual”, din.

UN ESTUDO NUN ESPAZO LITORAL E MARIÑO DE GRANDE VALOR ECOLÓXICO

Nos últimos anos estase a dar unha regresión e abandono das prácticas agrícolas en zonas costeiras, a roturación a plantacións forestais (cambio de uso a plantacións forestais) e o desenvolvemento urbanístico de zonas que antes eran de solo rústico. O proxecto de investigación de Gimena Ingeniería parte, precisamente, deste cambio de usos do solo, pero tamén da xeración de cartografía dixital do medio costeiro, que consiste en reproducir, mediante a análise de imaxes de satélite captadas en diferentes anos (1984, 1989, 1995, 2001, 2005), os usos e coberturas do solo da zona do litoral. Segundo explica a investigadora, “destes mapas obtense información que pasa a formar parte dun Sistema de Información Xeográfica –SIX-, un programa informático que xestiona bases de datos de información con carácter espacial, é dicir, que se pode localizar no terreo”, afirma.

A área de estudo está comprendida entre Cabo Fisterra, ao norte, e Punta de Lira, ao Sur, un espazo litoral e mariño de grande valor ecolóxico, como o demostra a declaración da Marisma de Carnota e Caldebarcos como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e a futura declaración da zona como Reserva Mariña de Interese Pesqueiro. Pero os investigadores matizan que o método poderá extrapolarse a todo o litoral galego.

O resultado final do estudo será un mapa de sensibilidade do medio costeiro, unha ferramenta que lles permitirá aos investigadores da compañía averiguar as principais tendencias de cambio nos usos do solo e, xa que logo, as consecuencias dese cambio. Segundo a investigadora Eva Salvador, “o estudo permitiranos coñecer periódicamente a evolución dos usos do solo do litoral, prever os impactos e establecer as medidas correctoras”, declara.

Os resultados do estudo destinaranse ás diferentes administracións con competencias en xestión do litoral, como son as Consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, a de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a de Pesca e Asuntos Marítimos e a do Medio Rural.

UNHA FERRAMENTA MÃIS PARA A XESTIÓN INTEGRAL DE ZONAS COSTEIRAS

Para explicar os beneficios que se van obter coa posta en marcha da iniciativa, a investigadora Eva Salvador subliña o importante papel que desenvolven as zonas costeiras para a economía, o transporte e o ocio, e apunta que todo isto depende das características físicas do litoral, é dicir, da existencia dunha paisaxe atractiva, da conservación do patrimonio cultural e natural e da biodiversidade mariña e terrestre. “Esta base fundamenta o benestar e a viabilidade económica das xeracións actuais e futuras residentes no litoral galego. E este proxecto pretende formar parte das ferramentas de xestión para acadar a Xestión Integral de Zonas Costeiras”, conclúe.
A empresa Gimena Ingeniería fundouse en Lugo no ano 2002 e centra a súa actividade na xestión integral do medio natural. Na actualidade, conta cunha plantiña de seis empregados e unha facturación anual de arredor de cen mil euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES