
A asociación ecoloxista Verdegaia considera decepcionante a reforma do Consello Galego de Medio Ambiente, o órgano consultivo da Xunta en materia de medio ambiente e sustentabilidade. A nova Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel preferiu un deseño de Consello asesor máis próximo do Goberno anterior que de Gobernos da mesma cor política, como o central ou o andaluz. Perdeuse así unha oportunidade para promover máis e mellor a participación social nos asuntos que teñen que ver co medio e a sustentabilidade, a través dun Consello autónomo, capaz e con protagonismo.
O Consello mudou de nome, sumando o termo Desenvolvemento Sostíbel ao de Medio Ambiente, mais iso non supón unha ampliación real de funcións. Polo que se deduce da orde do día da súa primeira reunión, só discutirá iniciativas da Consellería de Medio Ambiente e non do resto da Xunta. Por exemplo, o Consello non vai abordar na súa primeira reunión a Estratexia Energos para o desenvolvemento enerxético integral de Galicia impulsada pola Consellería de Industria, a pesar da súa enorme importancia para a sustentabilidade.
Coa reforma impulsada pola actual Xunta, o Consello pasou de 35 a 40 membros, fíxose máis plural e representativo e conta cun menor peso da representación ecoloxista. O 50% dos seus membros representan ás Administracións autonómica e local, polo que non se trata dun Consello independente do poder político, na liña do que acontece, por exemplo, co Consello estatal de Medio Ambiente (todos os membros, agás a ministra de Medio Ambiente e o secretario, representan á cidadanía) ou co Consello Andaluz de Medio Ambiente (5 representantes da Junta fronte a 20 de organizacións cidadás).
Por outro lado, a periodicidade habitual das reunións plenarias do Consello pasou de cuadrimestral a semestral, o que supón un claro retroceso. Moitos Consellos similares do resto de Europa (Alemaña, Suecia,...) reúnense de forma ordinaria cunha periodicidade de dous meses, ou incluso maior.
Verdegaia é unha asociación ecoloxista galega, plural, democrática, apartidaria e independente. Foi fundada o 2 de Abril de 2006. Máis información en www.verdegaia.org.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.