66 concellos galegos recibirán material para misións de protección civil, dentro do marco do Plan de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA), segundo se recolle nunha orde publicada na edición do 4 de xullo de 2006 do Diario Oficial de Galicia.
Neste material están incluídas distintas embarcacións, remolques, prismáticos, caixas de urxencias, floppies (brazos de rescate), bandeiras e uniformes para socorristas e voluntarios, que serán utilizados polo persoal destinado polos concellos á protección dos cidadáns e usuarios das praias da Comunidade.
Por provincias, as maiores dotacións recibiranas as provincias da Coruña e Pontevedra, que son as que máis areais teñen no seu litoral. A Coruña aumentará a súa dotación este ano cun remolque, oito embarcacións e 68 bandeiras, mentres que a provincia de Pontevedra, recibirá sete embarcacións e un novo remolque.
Pola súa banda a provincia de Lugo contará para o seu servizo de salvamento en praias con catro embarcacións, un remolque e 25 bandeiras; e a provincia de Ourense obterá unha embarcación e un remolque.
A inversión da Dirección Xeral en material destinado ao Plan SAPRAGA será este ano de 280.000 euros, o que supón un aumento do 12% en comparación co ano anterior, no que foi de 250.000 euros. Así mesmo, incorpórase por primeira vez unha partida de 50.000 euros para dotación do material de primeiros auxilios, entre os que se atopan desfibriladores semiautomáticos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.