O Instituto Galego de Consumo, da Consellaría de Innovación e Industria, está a trasladar aos afectados da presunta estafa de Forum Filatélico, SA, a información subministrada pola administración concursal do Xulgado número 7 do mercantil de Madrid, que está a levar o asunto relativo á devandita empresa de filatelia. O xulgado achega información de relevancia aos acredores, logo de establecer as normas polas que os Administradores concursais han de rexerse en todo o relativo ao procedemento de concurso de acredores. Estas normas establécense no auto ditado polo mesmo xulgado do mercantil número 7, con data de 22 de xuño de 2006, nomeando Administradores concursais ao avogado D. Miguel Sánchez-Calero Guilarte, ao economista D. Antonio Moreno Rodríguez, e á Axencia Estatal da Administración Tributaria.
A Administración concursal, en cumprimento do establecido na Lei Concursal, remitirá aos acredores unha comunicación individualizada informándoos da declaración do concurso e da forma en que deben comunicar os créditos. Polo tanto, a Administración concursal será a que informe en todo o relativo a prazos de comunicación dos créditos, forma de realizar a comunicación, documentos que haxan de acompañarse e cantas dúbidas suscite esta importante operación.
No mesmo Auto do Xulgado do Mercantil nº 7 de Madrid, antes citado, establécese o prazo dun MES, contado dende a data da última das publicacións que se van realizar en distintos medios de comunicación e no Boletín Oficial do Estado, para que os acredores comuniquen os seus créditos na forma establecida na Lei. Considerando que o mes de agosto é inhábil, o prazo para a presentación de documentos concluirá no mes de setembro, se ben a data de finalización do prazo non se pode determinar neste momento xa que non se realizaron todas as publicacións.
Para lograr a máxima eficiencia é conveniente que os afectados esperen a recibir no seu domicilio o escrito da Administración concursal, coas instrucións operativas correspondentes. A Lei garante a audiencia de todos os acredores, nos seus prazos correspondentes, que son suficientes para poder entregar a documentación de forma axeitada e evitar, ao máximo posible, as incidencias. Ademais da información que se remitirá á dirección dos acredores, a Administración concursal porá a disposición de todos os interesados unha páxina web para a resolución de consultas, amais dun centro de información telefónica, así como as súas propias oficinas na rúa Fernando el Católico nº 63, Local exterior, de Madrid.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.