Notas de prensa

Os intelectuais condenan o imperialismo americano nun debate da Aula Castelao de Filosofía

James Petras, Eduardo Galeano, Sánchez Vázquez, Celia Amorós e Alfonso Sastre participaron nunha mesa redonda na XX Semana Galega de Filosofía. Os efectos da guerra de Irak e a ofensiva do imperialismo americano foron tratados polo miudo polos cinco intelectuais que participaron no debate organizado na mañán do mércores na XX Semana Galega de Filosofía. James Petras, Eduardo Galeano, Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós e Alfonso Sastre coincidiron á hora de condenar a política do goberno Bush no ataque a Irak e alertaron sobre futuras invasións do imperialismo americano.

Os cinco intelectuais participantes na mesa redonda foron claros á hora de defender as súas teses sobre a situación política mundial despois da guerra de Irak. Alfonso Sastre referiuse explícitamente ao papel dos intelectuais diante da guerra e defendeu na súa intervención que se está a dar unha situación paradóxica xa que houbo un momento en que o desprazamento á dereita dos intelectuais parecía que atoparía un espacio adecuado para perpetuarse nese sentido e dá a impresión que se pode facer unha inflexión a partir de agora no sentido contrario. Para o escritor, en lugar de atopar o acomodo estase producindo un proceso de retomar a conciencia da responsabilidade que temos fronte ao imperialismo. Pódese producir unha inflexión, pois, no sentido crítico, abandonando as súas posicións conservadoras. Esta hipótese responde, ao seu ver, ao feito de que diante situacións tan horribeis como as que estamos vivindo estanse producindo réplicas moi fortes. Neste sentido puxo como exemplo as actuacións públicas dos actores que levaban tempo mudos e agora erguen a súa voz de protesta.
James Petras denunciou todas as ocasións na historia recente na que os intelectuais se equivocaron con respecto ao imperialismo e as graves consecuencias. Primeiro equivocáronse coa desintegración da URSS, despois con Afganistán cando se opuxeron a súa defensa baixo a non intervención cando a intervención viña polos Estados Unidos, terceira confundíronse cos Balcans coa intervención de Clinton, de novo con Afganistán, demonizando os talibáns e incapaces de analizar a destrucción dunha invasión, despois cairon outra vez na trampa de sempre falar da guerra americana en vez de ver tamén a resistencia do pobo iraquí, como consecuencia diso non apoiaron esa resistencia e agora tamén co perigo de Bush cara Cuba na que un sector intelectual está privilexiando as queixas dos Estados Unidos fronte ás necesidades de defender a revolución contra os seus agresores, dixo Petras pasando repaso a todas as ocasións nas que, ao seu ver, os intelectuais obraron equivocadamente. Hai que pensar que os intelectuais están fora das realidades e as necesidades do pobo e necesitamos unha grande crítica e reflexión de por que tantas veces se confundiron sobre os grandes acontecementos dos nosos tempos, dixo.
Adolfo Sánchez Vázquez mostrou a preocupación que continúa sobre o que calificou como problema central para todos os pobos e en particular para os que corren máis perigo fronte ao imperialismo ianqui. O problema desta guerra demencial, preventiva, coa cal os Estados Unidos pretenden asegurarse fronte a un perigo imaxinario pero que en realidade o que está en xogo é toda unha política de dominio mundial, de expansión, ilimitada e irrefrenada do imperialismo ianqui que comezou coa ocupación de Afganistán, sigue coa de Irak e continúa coa preparación de novas agresións, dixo, alertando Sánchez Vázquez de que o horizonte das posibilidades de agresión, como xa foi proclamado polos propios imperialistas continúa despois de Irak, ai está Siria e non está descartado o perigo que se cerne sobre Cuba. Apuntou aínda este filósofo que leva máis de sesenta anos en México, onde se exiliou despois da guerra civil, que esta segue a ser parsa nós, particularmente para os intelectuais, unha preocupación que nos leva unha vez máis a estar comprometidos e nosa posición neste caso debe ser dunha crítica e unha denuncia permanente dos planes, dos obxectivos do imperialismo e naturalmente reflexionar sobre as causas, as raices e a natureza desta política. Estamos nun momento no que o papel dos intelectuais debe crecer porque ten que contribuir a que esa opinión pública na medida do posíbel deteña estes planos do imperialismo, engadiu Sánchez Vázquez.
A filósofa Celia Amorós considerou desde un punto de vista feminista que o fundamental sería agora desde o punto de vista teórico e práctico tratar de civilizar o conflicto de civilizacións, tender unha serie de pontes entre as mulleres de occidente que pasamos pola experiencia da Ilustración e a modernidade e atender moi especialmente aos procesos reflexivos e críticos que están aparecendo en certos ámbitos do Islam. Explicou que cando aparece un movimento de autocrítica reflexiva respecto á propia cultura plantéxase sempre o problema das mulleres, da súa situación na sociedade e arredor disto compre estar atento, sinalou.
Despois do debate a Semana Galega de Filosofía acolleu a presentación do libro Feminismo e coñecemento (Da experiencia das mulleres ao cíborg), da coordinadora da Aula Castelao de Filosofía, Carme Adán. No acto participaron, ademais da autora, a catedrática de Filosofía Celia Amorós, a profesora de Filosofía da Universidade de Santiago, Mª Xosé Agra Romero, o catedrático de Filosofía, Jorge Álvarez e o editor Miguel Anxo Fernán-Vello. O libro de Carme Adán é froito da súa tese doutoral, recentemente presentada na Universidade de Santiago e nel a autora propón un achegamento ao tema da construcción do coñecemento partindo da perspectiva feminista. Tanto Celia Amorós como Jorge Álvarez e Mª Xosé Agra -directora da tese- valoraron o rigor intelectual e a profundidade da investigación presentada por Carme Adán que fai un percorrido polas correntes máis salientábeis da epistemoloxía feminista o que dá pé á autora a levar a cabo unha reflexión sobre o papel do xénero e a experiencia das mulleres no ámbito da ciencia. Ás teses defendidas por Carme Adán referiuse en varias ocasións na súa conferencia pronunciada na xornada anterior a filósofa Celia Amorós. Desde as propostas empiristas ata o ciberfeminismo o libro expón as diferentes visións existentes a respecto da necesidade de participación das mulleres nos temas científicos e tecnolóxicos.
Na sesión de tarde foi a pensadora e escritora galega Mª Xosé Queizán a que presentou a súa conferencia O compromiso na escrita na que defendeu que é preciso recoñecer que moita da literatura e do pensamento finisecular actuou a favor da tendencia fetichista da imaxinación e en contra do realismo. Neste sentido, manifestou a necesidade de reaccionar, non tanto contra a fantasía, senón contra a escrita convarde, contra a literatura que favorece a hipnose, contra a evaporación do espíritu, en palabras de Voltaire, contra a falsificación da realidade. A posición de Mª Xosé Queizán parte de buscar o compromiso literario mediante a acción, no sentido arendtiano, asumindo a condición humana e implicándose no real e de desmitificar unha literatura das boas intencións, de altruísmo burgués, unah escrita comedida. Trátase, en definitiva, de recuperar a estratexia da escrita como unha forma de resistencia cultural coa uqe se lle pode dar a volta ao discurso dominante e demostrar as grandes contradicciónd do mesmo. Escribir con responsabilidadae comporta un risco, unha audacia. Ao longo dos séculos é esta escrita audaciosa a que permanece e a que contribúe ao cambio social. O estilo imítase; o compromiso, non concluiu a escritora, unha autora que visitou todos os xéneros literarios, novela, contos, teatro, ensaio e poesía e que ten entre os seus títulos obras como A semellanza, Ten o seu punto a fresca rosa, A muller en Galicia, Recuperemos as mans, ¡Sentinela, alerta!, Escrita da Certeza, Misoxinia e racismo na poesía de Eduardo Pondal, Metáfora da metáfora ou Despertar das amantes.
Pola noite o escritor Alfonso Sastre, que xa participara na mesa sobre o imperialismo americano, presentou a súa conferencia Os intelectuais e a práctica, un tema que é obxecto do seu último libro Os intelectuais e a utopía. Criticou Sastre o papel dos intelectuais benpensantes que hoxe se alinean -sen declararse de dereitas- cos poderes do capitalismo neoliberal e que son un episodio do desprazamento que durante os últimos anos se produciu a posicións moi conservadoras por parte de intelectuais e artistas que antes se dicían progresistas. Situouse deste xeito nunha zona ardente fronte a toda unha tipoloxía de bos intelectuais que son, políticamente correctos que están contra a violencia, veña de onde veña que son apóstolos da tolerancia, cidadáns do mundo, pacifistas a ultranza, demócratas convencidos e prefiren a inxustiza á desorde. Nós, algúns intelectuais e artistas disidentes e subversivos opómonos a esta ofensiva imperialista, di Sastre en relación á estigmatización de todos aqueles que non asumen o discurso imperante. Alfonso Sastre (Madrid 1926) é un dos máis destacados intelectuais da actualidade cunha ampla obra na que destaca fundamentalmente como autor dramático pero da súa autoría sairon tamén ensaios e libros de narrativa e poesía. O escritor comezou a súa actividade teatral en 1945 e é un dos principais dramaturgos da actualidade. En toda a súa traxectoria defendeu afunción sociopolítica do teatro fronte un teatro burgués que, ao seu ver, está chamado a esmorecer.
O xoves a XX Semana Galega de Filosofía abrirase coa intervención do filósofo Raúl Fornet-Betancourt coa conferencia Por unha nova filosofía popular. Pola tarde intervirá o político Xosé Manuel Beiras e pola noite tocaralle o turno ao escritor Eduardo Galeano. O venres será o último día do congreso e para esta xornada está prevista a participación do sociólogo James Petras, do profesor de Filosofía da Universidade de Santiago, Xosé Luís Barreiro e do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que clausurará a XX Semana Galega de Filosofía.

Aula Castelao de Filosofía, 2003-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES